O Concello de Nigrán vén de deseñar, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, a unidade didáctica “Coñece o Samaín”, destinada ao alumnado de primaria do municipio. O traballo realizado pola técnica Andrea González foi enviado aos colexios co obxectivo de promover a festividade do Samaín entre os máis pequenos e que coñezan e recuperen esta tradición, ademais de pasar un bo rato xogando na aula.
Entre os demais obxectivos desta campaña de dinamización lingüística están, tamén, recoñecer a orixe céltica e europea da festa, coñecer o folclore asociado con ela e dominar o vocabulario propio do Samaín. A unidade didáctica contén unha parte teórica de información sobre o Samaín, exercicios, bibliografía e mesmo unha actividade plástica para crear un móbil decorativo.
Ademais, o Concello de Nigrán pon ao servizo da cidadanía a unidade didáctica “Coñece o Samaín” https://www.nigran.es/es/unidad-didactica-conece-o-samain/ para que calquera persoa a poida descargar.

