O PSOE rexeita a moción de Manifesto Miñor sobre a situación do comercio de Gondomar

O Voceiro de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, lamenta nun comunicado que o PSOE e o alcalde estreara no pleno do pasado xoves a súa maioría, “pasando o rolo da mesma” para rexeitar a súa proposta de falar cos comerciantes e veciños das rúas da contorna da Praza da Paradela.

“Humanizar o centro dunha vila significa gañar espazos públicos para as persoas, para que poidan desenvolver a súa vida cotiá neles sen as molestias dos vehículos. Para poder pasear, descansar, para o lecer… E tamén para as actividades comerciais e o intercambio, para mercar no comercio de proximidade, en resumo, trátase de ter unha Vila viva e dinámica e non unha Vila dormitorio. De que serven os espazos humanizados sen seres humanos? Hai que darlle un volta a todo isto, e sobre todo hai que escoitar ás persoas afectadas, pois a realidade é que os comercios nas rúas adxancentes peonalizadas ou cortadas pola Paza da Paradela están pechando, despedindo traballades, os baixos non se alugan, etc., etc”, sinala Araújo.

“Dixo o Sr. Alcalde que nesas rúas non hai problema ningún, que el fala cos comerciantes e ninguén lle dá queixas. Con todo, a realidade é teimuda, e nestes poucos meses xa van tres locais comerciais pechados, e outros dous que van polo mesmo camiño. Pois claro que hai solucións, e non hai máis que ver como fixeron noutros lugares, en vilas próximas a nós: Tomiño, Salceda, Vila Nova de Cerveira, Valença, etc… Ben flexibilizando as peonalizacións das rúas en horarios comerciais, ben con rebaixas fiscais en taxas e impostos, campañas de promoción, etc, etc.”, engade o Voceiro de Manifesto Miñor.

“O único argumento de “peso” que dá a entender o Sr. Alcalde (ademais da súa maioría absoluta), é que só lle criticamos (coma se fora del) a grande obra da Praza da Paredela porque temos envexa. Ignora o Sr. Ferreira que nós votamos a favor do proxecto!! O final de todo isto, lamentablemente, é sabido e vaise precipitar co traslado do Centro de Saúde: rúas peonís mortas, sen comercios, sen xente… unha vila dormitorio, e todo o mundo a mercar ás grandes superficies comerciais. Sería bo, unha vez aberto o debate, que os comerciantes da zona e da Vila, se organizaran e defendesen seus dereitos, explicando en persoa a súa grave situación”.

Anuncios