Sin categoría

Profesionais do Álvaro Cunqueiro amosan no IES Val Miñor as técnicas de reanimación cardiopulmonar

Con motivo da celebración do Día Mundial da Parada Cardíaca, que se desenvolve baixo o o lema “Todos los ciudadanos del mundo pueden salvar una vida”, o servizo de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro levou a cabo unha actividade informativa e formativa dirixida aos estudantes co obxecto de sensibilizarlles da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e estimular a educación sanitaria nas técnicas de Resucitación Cardiopulmonar (RCP).

Así, un equipo de 22 profesionais sanitarios -médicos e enfermeiras de Medicina Intensiva- desprazouse este mércores a cinco centros educativos da área sanitaria así como á Escola de Enxeñaría Industrial do Campus da Universidade de Vigo, nos que desenvolveron sesións teóricas e prácticas para dar a coñecer as nocións básicas da reanimación cardiopulmonar. Os IES participantes foron “Antón Alonso Rios”, de Tomiño; “San Paio”, de Tui; “Pino Manso”, de Porriño; “IES do Barral”, de Ponteareas; e o “Val Miñor” de Nigrán. En total 720 estudantes interviñeron nesta actividade.

Desde a EOXI de Vigo agradecéselle esta iniciativa aos profesionais de Medicina Intensiva, moi concienciados coa importancia e necesidade de informar e formar á poboación neste tema, e que están a realizar un esforzo para compaxinar o seu traballo asistencial coa educación en saúde á cidadanía.

Comproba, chama e comprime

O principal obxectivo destes obradoiros é dar a coñecer a cadea de supervivencia incidindo nos tres primeiros eslabóns. A mensaxe é sinxela: cómo reiniciar un corazón en tres pasos: comproba – que o paciente non responde e non respira; chama- pide axuda correctamente (112 ou 061); e comprime, inicia a masaxe cardíaca de xeito continuado e coa técnica correcta.

A principal causa de paro cardíaco, xeralmente de aparición repentina e inesperada nunha persoa que aparentemente atópase sa e en bo estado de saúde, é o infarto agudo de miocardio, que provoca una fibrilación ventricular (arritmia que ocasiona que o corazón perda a súa capacidade de contraerse de forma organizada, polo que deixa de latexar e de bombear sangue cara todo o organismo). A persoa que sufre un paro cardíaco e non é atendida rapidamente pode morrer ao cabo duns minutos.

Segundo organismos internacionais, para que a supervivencia por paro cardíaco aumente, ao redor do 20% da poboación debería estar formada en técnicas de Resucitación Cardiopulmonar, o que no noso país equivale a formar a nove millóns de persoas.

Os chamados “eslabóns da cadea de supervivencia” son a alerta precoz aos servizos de urxencias, o comezo das manobras de Resucitación Cardiopulmonar básica, seguido de desfibrilación precoz e rematando co apoio cardiovascular avanzado, prestado polos servizos de urxencias e emerxencias. En España, o segundo eslabón, o inicio de manobras de RCP polas testemuñas, segue sendo débil, e só se fai nun de cada cinco pacientes. Por isto, é necesario mellorar a resposta ante esta situación, e a educación nesta materia á cidadanía é un punto clave para acadalo.

Así pois, considerando que a supervivencia de moitas vítimas depende da Reanimación Cardiopulmonar e da desfibrilación precoz, e tendo en conta que a intervención dentro dos 3-4 primeiros minutos pode aumentar as posibilidades de supervivencia a máis do 40%; de aumentar a porcentaxe de persoas que aprenden e inician as medidas de RCP poderíanse salvar 100.000 vidas en Europa cada ano. Ademais, os primeiros minutos son fundamentais non só para a supervivencia senón para reducir as secuelas.

Sinalar, por último, que o servizo de Medicina Intensiva do CHUVI está a levar a cabo un programa de formación desde hai anos, acreditado, dirixido aos profesionais sanitarios e non sanitarios, sendo un obxectivo do mesmo facelo extensivo a outros colectivos sociais e profesionais como aos estudantes, policías, funcionarios, etcétera.