Pazo da Escola e Cafetería Keik gañan a VII edición das Tapas do Conde

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado polo actual Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez, entre outros, clausuraron oficialmente a sétima edición do certame gastronómico as Tapas do Conde, dando a coñecer aos seus gañadores. O primeiro premio na categoría de tapa salgada recaeu no “Bacalau as natas en cazola de pan con piruleta de pan de parmesano”, elaborada polo Pazo da Escola; e, “Menudo rolo”, elaborado pola Cafetería Keik, fíxose co primeiro premio na categoría de tapa doce.

O resultado das votacións deuse a coñecer nun acto público co que, como en anos anteriores, clausúrase o certame. Nel, o alcalde Paco Ferreira felicitou aos gañadores e tamén ao resto de hostaleiros que participaron nesta edición, lembrando “a importancia que o pequeno e mediano comercio teñen no desenvolvemento dunha localidade”. Neste sentido sinalou o rexedor que desde o goberno local “seguiremos apoiando iniciativas como esta que ademais de apoiar aos nosos hostaleiros, supón dar un paso máis na dinamización do noso concello a través da implicación dos nosos veciños e veciñas”.

Palabras que ratificou o Conde de Gondomar quen asegurou sentirse satisfeito da implantación que este concurso adquiriu nos últimos anos e animou aos presentes para lograr que o número de participantes siga crecendo. Unha cita gastronómica que, tal e como lembrou Paco Ferreira, converteuse nunha cita ineludible para moitos veciños e visitantes de Gondomar.

Eles, os comensais, xogaron nesta ocasión un papel importante, ao recaer o 50 por cento do cómputo final nos votos emitidos en cada local polos clientes, que se sumaron ao voto emitido por un xurado profesional. Tal e como se destacou na clausura do certame, promovido pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), o nivel foi moi elevado e igualado entre todos os participantes. Proba diso é a escasa diferenza entre as puntuacións obtidas polos nove establecementos participantes este ano.

Na categoría de tapa salgada o 2º premio recaeu sobre “Porquiño no berce”, do Vitrola, facéndose co terceiro posto “A tapa da Condesa”, da Cafetería Keik. Pola súa banda o Vitrola, co seu “Pexego de outono” obtivo tamén o segundo galardón na categoría de tapa doce, cuxo terceiro premio levoullo “Doce de Escuma”, elaborado pola Adega de San Xoán.

Anuncios