Unha muller necesitou asistencia médica debido ás lesións provocadas por incendio orixinado nunha tarteira esquecida no lume. Ademais das lapas, a estancia encheuse de fume, que chegou a estenderse á vivenda lindeira.
Así, alarmados pola intensa fumareda, os veciños chamaron ao 112 Galicia e pediron axuda urxente para a ocupante da vivenda afectada, pois sufriu algunhas queimaduras cando trataba de apagar o lume. Deste xeito, o persoal do 112 Galicia avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á ferida ao Hospital Povisa.
Simultaneamente, na vivenda actuaron os Bombeiros do Porriño co fin de ventilar ambos os dous apartamentos e asegurarse de que a tarteira estaba complentamente apagada. Unha vez realizadas as medicións correspondentes e comprobar as boas condicións da atmosfera no interior dos domicilios, deron por finalizada a súa intervención.
Cómpre sinalar que neste operativo, que se activou preto das sete da tarde de onte, tamén colaboraron os axentes da Policía Local e os membros do GES do Val Miñor.

