Fridays For Future Galicia convoca a súa primeira Asemblea nacional

Representantes das diferentes plataformas galegas de Fridays for Future reuníronse en Santiago de Compostela para elaborar unha folla de ruta na conformación de FFF Galicia.

Vimos de asistir ao nacemento internacional dos Fridays For Future. A plataforma, impulsada pola activista sueca Greta Thunberg, gañou espazo e impulso en Galicia co nacemento de numerosos FFF –Vigo, Ourense, Lugo, Lalín, O Salnés, Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, etc.-.

Os esforzos de cara á folga internacional pola Emerxencia Climática do 27 de setembro, resultaron nun respaldo multitudinario por parte non só de numerosos colectivos ecoloxistas, senón tamén dunha cantidade histórica de xente nova, presente por unha causa compartida: que non hai planeta B, e que sen planeta non hai futuro.

De cara a proxectar os FFF no territorio galego, xorde a necesidade de creación dunha plataforma galega de encontro para todos os FFF locais, para dar voz a unha postura conxunta e coordinada para Galicia, asegurando a maior transversalidade na representación de todos os territorios posible.

Na asemblea do domingo, logo de reflexionar acerca das mobilizacións da semana do 27 de setembro, algúns puntos fundamentais xiraron en torno á ampliación da implicación da comunidade educativa, para o fomento da participación do núcleo fundamental do movemento: a xente máis nova.

Acordouse tamén que FFF Galicia apoiará a convocatoria internacional de acción do 29 de novembro, para o que nas próximas semanas se levará a cabo o deseño de diferentes accións.

Esa mesma mañá, FFF Galicia asistiu á reunión que o Movemento Galego polo Clima tivo na Casa do Matadoiro, coa finalidade de seguir aglutinando ao máximo de colectivos e organizacións posibles e construír en común de cara a un novo futuro xusto e sostible para todas.

Anuncios