Aprobadas as bases do I Concurso de Escultura “Gondomar Museo Aberto”

O goberno local de Gondomar aprobou e expuxo as bases que rexerán a primeira edición do concurso de escultura “Gondomar Museo Aberto” dotado con 10.000 euros en premios. Certame que nace con vocación preferente de esculturas ao aire libre, quedando as obras gañadoras emprazadas na vila “como un símbolo e achegamento ao seu desenvolvemento cultural”.

Esta idea xurdiu a proposta do alcalde, Paco Ferreira, ao fío da exposición D’Pedra, promovida pola Deputación Provincial, que durante este mes púidose contemplar na localidade e en cuxa inauguración anunciou a convocatoria deste primeiro certame “un proxecto ambicioso que busca converter Gondomar e a Praza da Paradela nun museo ao descuberto, e facer do noso municipio nun referente cultural en todo o país”.

Xa entón sinalou que un dos requisitos básicos sería o uso de pedra do país, condición que se recolle nas bases aprobadas lembrando que o obxecto do concurso será seleccionar “en igualdade de condicións e oportunidade a mellor peza escultórica de exaltación da materia pétrea do país, en calquera das súas variedades, tipos e tratamento”.

As obras presentadas deberán ser orixinais e non estar premiadas ou ser expostas previamente. A temática poderá estar relacionada coa vila de Gondomar ou ser de inspiración libre, non definíndose un tamaño máximo para o monumento/escultura, pero si a dimensión mínima que debe ter: 45 cms nalgunha das direccións.

O xurado estará integrado por oito membros representantes de diferentes entidades e organismos relacionados co mundo da arte ou da cultura, como é o caso da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), ou o Colexio de Arquitectos. Así mesmo contarase coa presenza dun/a escultor/a de recoñecida traxectoria profesional.

O certame tamén está aberto á participación do público en xeral, abríndose a posibilidade de implicarse como “xurado popular”, recolléndose as súas puntuacións vía rexistro municipal, tal e como se estipula nas bases.

Os interesados en participar poderán consultar e extraer as bases da páxina www.concellodegondomar.sedeelectronica.gal, ou ben solicitalas nas dependencias de cultura do concello, vía persoal ou a través do correo cultura@concellodegondomar.com.

Anuncios