En Marea propón que o SERGAS adquira Povisa

En Marea presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para dar unha saída eficaz ao conflito aberto coa venta de POVISA a un grupo estranxeiro que pon en perigo a atención sanitaria de cualidade para moitas galegas e galegos ademais de facer perigar os postos de traballo dos profesionais da saúde que traballan nese hospital vigués. Segundo defende a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, o que ten sentido desde o punto de vista de manter a cualidade asistencial e a plantilla actual “é que sexa o propio SERGAS que se faga cargo de Povisa”.

Segundo a deputada, resulta incrible que tras coñecerse a nova de que a empresa Ribera Salud podía facerse coa propiedade de Povisa, a resposta do SERGAS fose tan só: “no caso de confirmarse, o Sergas esixirá e defenderá o mantemento da calidade asistencial na área sanitaria e o mantemento dos postos de traballo», engadindo que “Povisa seguirá sendo o hospital de referencia para un máximo de 139.000 persoas da área de Vigo ata ese ano”.

Paula Vázquez Verao explica que a resposta do SERGAS é tramposa porque “Obvia que Povisa é o único centro sanitario privado de Galicia que ten asignado un sector da poboación, o único que mantén un concerto singular co Sergas que o converte no hospital de referencia para 135.000 persoas de Vigo e as comarcas de O Morrazo e O Val Miñor”. Os responsables do Servizo Galego de Saúde tamén esquecen na súa resposta ante o conflito aberto que neste mesmo ano 2019 o concerto entre SERGAS e Povisa foi mellorado de maneira que é a Xunta quen asume o suministro directo da medicación ambulatoria prescrita.

Neste mesmo sentido, a proposta de En Marea lembra que as 135.000 persoas que teñen como centro de referencia a Povisa non escollero a Ribera Salud para ser a responsable da cubrir as súas necesidades sanitarias e por tanto “están a ser vulnerados os seus dereitos posto que cando fixeron a escolla do hospital non tiñan información de quen ía ser o propietario do mesmo”.

Paula Vázquez Verao lembra que Povisa mantén concertos coa sanidade pública desde os anos 70 e a existencia destes sucesivos concertos teñen condicionado a construción e funcionamento dos hospitais públicos vigueses porque a intención da Xunta foi sempre conservar o negocio que Povisa mantiña coa administración pública.

Para En Marea o que ten sentido neste conflito é que o SERGAS asuma directamente a xestíón de Povisa, ten en conta que de feito xa é quen asume todos os custes de atención dese hospital ademais de pagar o beneficio empresarial da empresa que o xestiona, un beneficio que se aforraría no caso de que Povisa pasara a ser un centro público.