Baiona convoca un concurso de debuxo e slogan con motivo do día contra a violencia de xénero

A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Baiona, en colaboración coa Concellería de Cultura, convoca o concurso de debuxo e slogan, dirixido ao alumnado que cursa educación secundaria nalgún dos centros educativos do municipio (CPI Cova Terreña e IES Primeiro de Marzo, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A actividade enmárcase no IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2019 – 2023 do Concello de Baiona, na área de “Socialización. Eliminar os roles e estereotipos de xénero”, que ten como obxectivo estratéxico “Impulsar cambios socioculturais que fomenten e consoliden a eliminación dos roles e estereotipos”e como obxectivo operativo “Sensibilizar na igualdade entre mulleres e homes no ámbito educativo”, e que establece a medida “En colaboración cos centros educativos, continuar desenvolvendo accións de sensibilización sobre xénero e igualdade de oportunidades dirixidas ao alumnado de todas as etapas”.

O concurso ten como obxectivo promover, dentro do ámbito educativo, a reflexión en torno á promoción da igualdade entre mulleres e homes así como a loita contra a violencia de xénero. Poderá participar no concurso calquera alumno ou alumna que curse a etapa de educación secundaria nun centro educativo de Baiona. Establécense dúas categorías: alumnado que cursa educación secundaria obrigatoria (ESO) e FP Básica, e alumnado que cursa bacharelato (BAC) e FP de ciclos de grao Superior. O contido das obras deberá enviar unha mensaxe que incida na reflexión en torno á promoción da igualdade entre mulleres e homes e/ou a loita contra a violencia de xénero.

Anuncios