Baiona cancela as actividades programadas para esta fin de semana

O Concello de Baiona cancela as actividades programadas para esta fin de semana. O goberno local tomou esta decisión por responsabilidade tras o anuncio en rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de que Baiona será obxecto dunha vixilancia especial pola súa evolución epidemiolóxica.

Deste xeito cancélase a programación de “Baiona. A mellor música en directo!” organizada pola Concellería de Cultura. Así queda suspendido o concerto desta tarde de Swing du Monde previsto para as 19:00 horas. As actuacións do sábado de Javi Pacheco, Adrian Timms, e Pacheco Bros previstas para as 12:30, as 17:00 e as 19:00 respectivamente. Tamén os espectáculos previstos para o domingo ás 12:30 e ás 18:00 horas, as actuacións de Orquestra Pantasma e The Goonies.

Desde o Concello de Baiona apélase á responsabilidade individual de cada persoa para evitar que a evolución epidemiolóxica empeore no municipio. Tamén se fai un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias.

“Desde o comportamento exemplar que demostraron os nosos veciños e veciñas ata o de agora, temos que seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que seguen estando moi presentes”, indica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado. Ao mesmo tempo que recomenda “evitar as reunións sociais na medida do posible. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia”, finaliza o rexedor.