A área sanitaria de Vigo preparada fronte á gripe

“A área sanitaria de Vigo está preparada fronte as consecuencias derivadas dunha epidemia de patoloxía respiratoria estacional”. Con estas palabras iniciou o xerente da EOXI de Vigo, Julio Garcia Comesaña, a presentación do Plan de Continxencia para a Gripe 2019/20 da área sanitaria, que establece a activación e coordinación dos servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria para optimizar a atención á gripe e as súas consecuencias.

Nesta presentación, o xerente estivo acompañado pola coordinadora da campaña de vacinación da área, a subdirectora de procesos de Enfermaría, Mar de la Peña e da directora de Procesos de Soporte, Susana Cerqueiro. Tamén contouse coa asistencia da directora de Atención Primaria e Urxencias, Elena Lorenzo; así como dalgúns xefes de seccións e servizos con implicación directa na atención a esta enfermidade, como Medicina Preventiva, Marga Cueto; Medicina Interna, Manuel Crespo; Pneumoloxia, Alberto Fernández Villar; Microbioloxía, Benito Regueiro; Medicina Intensiva, Dolores Vila; Unidade de Curta Estadía, Martín Rubianes; Hospitalización a Domicilio, Luis Amador e o xefe de Urxencias, Angel Pichel.

O plan de continxencia para a gripe recolle todas aquelas actuacións planificadas que se van desenvolver para minimizar o impacto desta patoloxía estacional, tanto nos usuarios como nos profesionais, así como para garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial nesta campaña. Entre os seus obxectivos cabe subliñar os seguintes: priorizar a atención destes pacientes en Atención Primaria evitando os desprazamentos dos mesmos ao servizo de Urxencias hospitalario; evitar as consecuencias máis graves debidas a infección e evitar que se produzan abrochos; previr picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais; prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento nos hospitais e centros de saúde; contemplar os procedementos alternativos á orde normal da organización co fin de garantir o correcto funcionamento dos servizos asistenciais.

Atención primaria, primeiro elo da cadea

“En primeiro lugar é necesario concienciar a cidadanía da importancia de atender aos pacientes no nivel máis axeitado a súa situación clínica, e que utilicen, en primeiro lugar, os recursos de atención primaria, para blindar así as Urxencias do hospital para a atención aos casos de maior gravidade. Hai que recordar que a derivación ao servizo de Urxencias hospitalarias debe realizarse desde a atención primaria ou desde o 061.”-explicou García Comesaña

Nos centros de saúde e PACs está implantado o procedemento de xestión da demanda non programada e a atención urxente (TRIAP). Desta forma, establecese un sistema de priorización na atención destes pacientes.

Ademais das medidas informativas e preventivas, os equipos de Atención Primaria establecerán os circuítos necesarios nos centros sanitarios para axilizar a atención dos pacientes sospeitosos de gripe, evitando aglomeracións e tempos largos de espera que axudan ao contaxio de la enfermidade.

Os profesionais das áreas administrativas recomendarán aos pacientes que acudan con sintomatoloxía respiratoria poñerse as mascarillas, para minimizar a transmisión por gotas da enfermidade ao tempo que facilitarán ao paciente un formulario, para á súa cumprimentación e posterior valoración polo persoal de enfermaría, co fin de poder dirixilo á sala de atención de gripe ou á consulta do profesional sanitario correspondente.

Un equipo de profesionais máis en Urxencias

No caso dunha situación epidémica que requirira a atención hospitalaria dunha porcentaxe de pacientes moi superior da media habitual, a EOXI de Vigo identifica dous puntos críticos nesta asistencia: a presión asistencial do servizo de Urxencias debido a unha maior frecuentación dos pacientes en demanda de atención; e o nivel de rotación e dispoñibilidade das camas hospitalarias.

O Plan de continxencia da gripe no servizo de Urxencias porase en marcha dacordo coa situación epidemiolóxica segundo a información facilitada pola dirección xeral de Saúde Pública, unha vez superado o umbral de intensidade de actividade gripal basal. As Urxencias reforzarase cun equipo máis composto por un facultativo, profesional de enfermaría, TCAE e celador durante todo o período.

Como norma xeral, a todo paciente que acuda a urxencias con síntomas respiratorios facilitárselle mascarilla facial para prever a transmisión en proximidade.

As Urxencias de adultos dispoñen dunha estrutura de gran capacidade para asumir un elevado volume de pacientes xa que contan, entre os recursos físicos máis relacionados coa patoloxía gripal, con dous postos de triaxe -ampliables a tres-; catro postos de paciente críticos; 90 postos en boxes e 2 de illamento; 30 camas de observación; 10 postos en sala de preingreso, e 8 consultas.

O Plan establece dous niveis de alerta. Alerta Amarela, cando o número de pacientes pendentes de ingresos en Urxencias é superior a 15 ou a ocupación na área médico cirúrxica superior ao 95%; e Alerta Laranxa, cando hai máis de 25 pacientes pendentes de ingreso ou a ocupación é do 100%.

Así, en función da situación da ocupación, o Plan de Continxencia contempla as seguintes medidas: priorización das altas hospitalarias e das probas e interconsultas dos pacientes hospitalizados; duplicación das camas das habitacións individuais que se realizará en primeiro lugar nas Unidades de Medicina Interna, Pneumoloxía, e Curta Estadía; traslados internos entre hospitais do CHUVI; axilización dos procesos de ingreso desde a Urxencia coa posta en marcha dun circuíto preferente de altas de hospitalización, limpeza, e traslado de pacientes ás plantas; e modificación da programación cirúrxica e da cirurxía sen ingreso.

Ampliación de camas e reforzo de persoal

En relación coa hospitalización, o Plan prevé que para os ingresos ocasionados pola patoloxía gripal ou asociada utilizaranse camas de hospitalización da área médica, en primeiro lugar, e da área cirúrxica, en segundo, que son as que teñen a capacidade física e asistencial de absorber o incremento da demanda do pico epidemiolóxico invernal.

En caso de necesidade, a flexibilidade do Complexo permite un incremento moi significativo do número de camas, dada a posibilidade de duplicar cunha segunda cama as habitacións individuais do Álvaro Cunqueiro, ademais das 60 camas a maiores dispoñibles e preparadas para activar en caso de que sexa necesario no Meixoeiro. En total, a capacidade de hospitalización do CHUVI é de case 1100 camas.

O incremento de camas estaría acompañado de reforzos de persoal en función da estacionalidade da epidemia e do nivel de alerta e de ocupación. Así, o Plan compromete efectivos segundo os seguintes criterios. No Cunqueiro, superado o número de 35 pacientes por Unidade de hospitalización, incrementaranse as presenzas de persoal de enfermaría; mentres que no Meixoeiro aumentárase o persoal sanitario en caso de habilitarse como dobres todas as camas de cada Unidade de hospitalización

Ademais, naqueles servizos da área médica máis directamente relacionados coa gripe, axustarase a actividade para absorber o incremento de demanda non programada por esta patoloxía.

Tests rápidos de Microbioloxía

O servizo de Microbioloxía é un dos que desempeñan un papel fundamental no apoio diagnóstico da patoloxía gripal. Este ano -o mesmo que nos dous últimos-, os profesionais deste servizo realizarán un test rápido para todos os pacientes detectados na triaxe desde a Urxencias.

Na pasada temporada, o servizo de Microbioloxía realizou 8.295 determinacións analíticas, nas que se confirmaron 420 positivos. Destas,3.172 foron probas inmunocromatográficas urxentes (os chamados test rápidos) que aínda que non ofertan un diagnóstico concluínte, permiten realizar unha primeira clasificación dos pacientes con sospeita de padecer un proceso vírico relacionado coa gripe no momento que chegan a Urxencias. A proba é inmediata, tarda minuto e medio, e os facultativos das áreas de Urxencias poden dispoñer do resultado para activar o protocolo de protección e aillamento dos pacientes.

Este procedemento representa unha ferramenta moi eficaz para realizar una primeira valoración dos pacientes e sobre todo para evitar contaxios.

371 ingresos e 26 decesos relacionados coa gripe

O pasado ano na área viguesa rexistráronse 371 ingresos hospitalarios como consecuencia dun proceso gripal e 26 decesos relacionados coa gripe. A vacina non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

“A mellora arma contra a gripe e é a prevención, e a ferramenta máis eficaz na loita contra a enfermidade, é a vacinación”- insistiu Garcia Comesaña- “por isto é necesario aumentar os índices de participación na campaña de vacinación na área viguesa, xa que aínda que vaise rexistrando un incremento paulatino de cobertura na poboación diana, pasando do 50% hai catro anos ao 54,64 % acadado na última campaña, segue sendo unha porcentaxe baixa”-.

Sen embargo, cabe subliñar o incremento porcentual de 13 puntos da cobertura nos profesionais sanitarios, acadando un 49%; así como as 1.577 xestantes vacinadas, 700 máis que o ano anterior.

Este ano prodúcense novidades respecto da vacinación, tanto relativas á poboación de risco, que se amplía a prematuros e persoas con calquera trastorno da coagulación, como á vacina utilizada: vacinas tetravalentes e adxuvada.

Para finalizar, o xerente quixo agradecer a implicación de todos os profesionais e, fundamentalmente, os da atención primaria, xa que o seu grao de compromiso na loita contra esta enfermidade é incuestionable, actuando de xeito proactivo no desenvolvemento de actuacións para fomentar a vacina antigripal, como a vacinación oportunista (que capta ao paciente para inocularse a súa doses cando vai a consulta por outro motivo).

Anuncios