A Agrupación Musical de Vincios e Cantares do Brión presentan “Unha banda con raís”

Este domingo 6 de outubro ás 18:00 horas na Praza da Paradela en Gondomar, as formacións da parroquia de Vincios Agrupación Musical de Vincios e Coro Galego Cantares do Brión darán un concerto no que se estrea o espectáculo “Unha banda con raís”.

Trátase dun espectáculo inédito que fusiona a música tradicional galega e a música de banda. É un xeito diferente de transmitir valores culturais que inclúe non só música, senón baile e literatura. O concerto estará adaptado a persoas xordas por medio de intérpretes de signos (algo que Cantares do Brión vén facendo habitualmente nas súas actuacións) e mochilas con vibración que o Concello de Nigrán cedeu para a ocasión ao Concello de Gondomar.

Para o repertorio arranxado en exclusiva para “Unha banda con raís” a Agrupación Musical de Vincios contou coa colaboración dos compositores galegos Andrés Álvarez e Ernesto Campos.