Podemos Baiona presenta dúas mocións sobre memoria histórica

Podemos Baiona presentou este martes dúas peticións por rexistro no Concello. A primeira delas, sobre o lamentable estado do esquecido Cemiterio Civil de Sabarís, a súa recuperación e os coidados que merece. Por outra banda, solicitan o levantamento dun monumento en memoria dos máis de 8.373 presos republicanos, entre homes, mulleres e ata nenos, que chegaron ao porto de Baiona durante a Guerra Civil, segundo consta nos arquivos da época, para ser posteriormente trasladados aos campos de concentración do Mosteiro de Santa María de Oia e Camposancos. Desde Podemos Baiona esperan que a petición chegue a materializarse, xa que consideran que é importante “manter a memoria histórica da nosa localidade”.

Hai 83 anos, o 13 de outubro de 1936, foron executados os irmáns Luis e José López Luis, “Os Ineses”, sendo un deles tenente de alcalde de Baiona durante a República, así como Ventura Pérez e Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”. Todos eles foron enterrados no Cemiterio Civil de Sabarís. Actualmente, dito cemiterio civil atópase incluído no cemiterio parroquial e en estado de total abandono con risco de desaparecer. Na honra da memoria destes veciños e veciñas de Baiona, mortos en condicións dramáticas, desde Podemos Baiona solicitan do Concello que teña a ben aclarar a titularidade desta parecela que ten a placa “cemiterio civil” e dar dignidade a este lugar.

Hai 80 anos chegaron ao porto de Baiona máis de 8.373 presos republicanos, entre homes, mulleres e nenos, procedentes de varias rexións do país. Eses presos foron conducidos aos campos de concentración de Santa María de Oia e Camposancos. Desde Podemos Baiona consideran que este triste acontecemento é parte da historia do Val Miñor e “sería inxusto que se quedara no esquecemento”. En memoria a esas persoas, solicitan do Concello que teña a ben levantar un monumento memorial no porto pesqueiro, como un acto simbólico. “Ao igual que se fixo noutras democracias europeas, noso deber de memoria, que está pendente, ten que ser efectivo xa”.

Anuncios