A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural neste mes de outubro aos concellos de Baiona, Cambados, Silleda, Gondomar, Poio, Soutomaior, Moraña e Bueu con varias propostas expositivas, teatrais e musicais. Todas as actividades desenvolveranse en espazos públicos e estarán dirixidas a todos os públicos.
Máis polo miúdo, as actividades comezarán o próximo sábado 5 de outubro coa inauguración da exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista” que estará presente nos Baixos do Concello de Baiona ata o 18 de outubro, de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas. A apertura terá lugar ás 20:00 horas e despois dela realizarase unha proxección na biblioteca do documental “Matriarcas”, de Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial. Posteriormente, o público asistente poderá gozar dunha charla con Montse Fajardo, comisaria de “Rexas” e participante no documental. O acceso a todas estas actividades é libre.
A mostra viaxará posteriormente ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) de Gondomar. A inauguración terá lugar o 19 de outubro ás 20:00 horas e a mostra permanecerá ata o domingo 3 de novembro, poderase visitar de luns a venres entre as 18:30 e as 21:30 horas. O día da súa apertura Montse Fajardo dará unha conferencia titulada “A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36”, de acceso libre.
«Rexas» recolle exemplos de mulleres pontevedresas afectadas por todas as tipoloxías de represión, desde as vexacións sexistas e as persecucións, ata as torturas e asasinatos. Toda a información relativa á historia das mulleres homenaxeadas está organizada en 12 paneis que inclúen preto dun centenar de fotografías.

