Sin categoría

Baiona substituirá a ponte de madeira de Sabarís por deterioración

Baiona substituirá a ponte de madeira que dá continuidade ao carril bici desde Sabarís e que se atopa situado a escasos metros do cemiterio parroquial de Santa Cristina da Ramallosa. Fontes municipais explicaron que as razóns responden ao avanzado estado de deterioración tanto do firme como da súa estrutura, que fan imposible a súa reparación.

O alcalde, Carlos Gómez, explicou que o proxecto xa foi enviado a Costas e contan con ter luz verde a partir da próxima semana xa que ademais está asentado nunha zona que está protexida pola Rede Natura 2000. A iniciativa conta cun orzamento que rolda os 50.000 euros e estiman que as obras estean concluídas cara ao mes de setembro.

“Cos traballos concluídos solucionaremos un problema que beneficiará aos usuarios tanto do paseo como do carril bici debido a que falamos dun espazo moi concorrido e que se atopa en estado moi precario”, explicou o rexedor.