Nigrán será escenario este domingo da terceira “DepoRuta BTT” da Deputación

A Deputación de Pontevedra levará mañá ata o concello de Nigrán a terceira “DepoRuta BTT” de 2019 despois das citas de Silleda e Meis. A proba, que comezará ás 10.30 h e ata que se desprazará o deputado de Economía Carlos López Font e a deputada de Emprego Raquel Giráldez, contará cun percorrido circular de 40,2 quilómetros e nela participarán preto de 125 persoas da provincia.

A “DepoRuta BTT” de Nigrán ten como punto de saída e chegada o campo de fútbol de Chandebrito. A ruta iniciarase con continuas subidas e baixadas e unhas vistas espectaculares da vila de Nigrán e da ría de Vigo, para chegar logo aos parques forestais de Saiáns e Coruxo. No quilómetro 19 as e os participantes terán o avituallamento da ruta, para encarar a segunda parte do itinerario, cun perfil máis esixente que os levará a ascender o monte de Coruxo ata o seu punto máis alto. A continuación haberá un pequeno descenso antes de afrontar a parte máis dura do percorrido, que levará ás e aos participantes a coroar o Parque Forestal Monte Alba-Cepudo, presidido pola Igrexa de Nosa Señora do Alba, unha contorna que ofrece unhas vistas espectaculares da cidade de Vigo.

Tras a cita de Nigrán, a seguinte DepoRuta BTT terá lugar o 20 de outubro en Salceda de Caselas, cuxo prazo de inscrición abrirase este luns 30 de setembro. E, por último, o 27 de outubro será a quenda da DepoRuta BTT de Cangas.

O programa «DepoRutas BTT» ofrece cinco rutas totalmente gratuítas, dos máis que o ano pasado. O obxectivo da iniciativa da Deputación de Pontevedra é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza.

Anuncios