80 representantes dos sectores mariño e marítimo nacional afondan en Baiona nos principais retos atlánticos

A presentación dos desafíos nacionais actuais en materia de economía azul, co caso do Porto de Vigo como pioneiro en Europa na implementación da estratexia BlueGrowth como exemplo; a exposición das claves do Mecanismo de asistencia ao Plan de Acción do Atlántico, así como dos instrumentos e oportunidades de financiamento no ámbito mariño-marítimo, centrou ao longo desta mañá a xornada nacional Retos Atlánticos, celebrada no Parador de Baiona. Preto de 80 persoas do ámbito académico, das pemes, centros e plataformas tecnolóxicas e de investigación, asociacións e fundacións de Andalucía, Canarias, Madrid, País Vasco e Galicia participaron na xornada, organizada polo Equipo de Apoio do Plan de Acción do Atlántico en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, e que conta co financiamento da Comisión Europea.

Finalizado o programa de sesións plenarias, constituíronse once mesas de traballo organizadas por áreas temáticas de interese como a biotecnoloxía azul, acuicultura, pesca, enerxías oceánicas ou resilencia costeira, “nunha sesión de traballo para fomentar a creación dun contexto idóneo para visibilizar ideas de proxecto por parte dos participantes dentro das prioridades do Plan de Acción Atlántico, así como para dinamizar a creación de consorcios entre as diferentes organizacións, de xeito que poidan aspirar a converterse en beneficiarios de instrumentos de financiamento”, explica Daniel Rey, director de Campus de Mar, que asume as funcións de Nodo Nacional do Mecanismo de asistencia ao Plan de Acción Atlántico.

Desenvolvemento estratéxico dos sectores económicos da costa atlántica

Na sesión inaugural da xornada, a conselleira técnica na Subdirección General de Asuntos Agrícolas y Pesca da Dirección General de Coordinación del Mercado Interior y Otras Políticas Comunitarias da Secretaría de Estado para la UE, Lara Ventas, referiuse ao Plan de Acción do Atlántico como “un reto de enorme complexidade, no que o intercambio de ideas e necesidades e a posta en marcha de proxectos e a procura de financiamento, son clave para acadar o desenvolvemento estratéxico dos sectores económicos da costa atlántica”. Pola súa banda, Paloma Rueda, directora do Centro Tecnolóxico do Mar en representación da conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que “Galicia é un axente activo e participativo dos retos e oportunidades vinculadas á implantación da estratexia europea atlántica coa que compartimos o obxectivo central de crear oportunidades de crecemento e emprego para actividades mariñas e marítimas e traballar polo crecemento azul”.

Foi a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen lembrou que este venres 27 de setembro é unha xornada de Mobilización Mundial polo Clima e que “hai unha emerxencia climática que non podemos negar e cómpre apostar pola economía azul da man das administracións e dunha sociedade que terá que cambiar hábitos para ter unha vida mellor que respecte o medio ambiente”. Mentres, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, destacou a importancia de participar nunha iniciativa destas características “que permitirá fortalecer as capacidades de I+D e transferencia a través do traballo común con outros países cos que compartimos obxectivos comúns”. O reitor lembrou a importancia que a Universidade outorga ao medio mariño, “apostando no seu día por dar valor a todas as capacidades de investigación que hai na cidade e na contorna e que se integraron no Campus do Mar”, destacou Reigosa, que avanzou, que unha vez que constitúa un goberno en España lle demandarán a reactivación dos campus de excelencia internacional.

Campus do Mar, Nodo Nacional do Mecanismo de asistencia ao Plan de Acción do Atlántico

Desde o pasado verán Campus do Mar asume as funcións de Nodo Nacional do Mecanismo de asistencia para o Plan de Acción do Atlántico que é unha ferramenta financiada pola UE para apoiar a implementación do Plan de Acción do Atlántico, posto en marcha en 2013 pola Comisión Europea para revitalizar a economía mariña e marítima de Francia, Irlanda, Portugal, Reino Unido e España. “Deste xeito, o nodo nacional, en coordinación co Atlantic Steering Group nacional, é o responsable da organización do evento anual Retos Atlánticos, que antes de en Baiona, se celebrou en Cádiz, Santander e Vigo”, sinala Daniel Rey que tamén é coordinador do nodo nacional.

Pola súa banda, “o obxectivo común de todos os nodos é prestar apoio á comunidade de stakeholders (partes interesadas) profesionais no ámbito nacional, reforzando vínculos coas autoridades de xestión e responsable de toma de decisións nas rexións costeiras; identificación de oportunidades de financiamento e para a posta en marcha de proxectos no contexto da implementación do plan de acción”, detalla Noelia Estévez, responsable de xestión do Nodo Nacional do Mecanismo de asistencia ao Plan de Acción Atlántico.

Anuncios