Mila López suma a quinta vitoria parcial na Copa de España de ciclismo adaptado

Segunda vitoria consecutiva e liderado na xeral por equipos para o Club Ciclista Riazor na Copa de España de ciclismo adaptado. O conxunto coruñés repetiu esta fin de semana no Valle de Trápaga (Biscaia) o histórico éxito acadado dúas semanas antes en Orihuela (Alacante). Empurrados polos triunfos individuais de Iván Montero e Mila López, os galegos sitúanse no máis alto do ranking por escuadras a falta de tres citas para o remate da temporada.

En total, os paraciclistas do Riazor acumularon catro presenzas no podio da sexta xornada puntuable. Montero impúxose en MH5 e deixou case vista para sentenza a xeral da Copa. Ten 96 puntos de vantaxe sobre Francisco Tamarit (Unlimited Wheel).

O outro triunfo da estrutura herculina asinouno Mila López en WH4. A baionesa superou a Ione Basterra (Saiatu) para sumar a quinta vitoria parcial desta campaña e aumentar a diferenza no ranking a 120 puntos respecto a Marta Escobar (También CDE).

En canto ás probas de bicicleta, Luís Javier Arceaga obtivo a medalla de prata en MC3, subindo ao segundo posto na xeral da Copa, e Xosé Manuel Vázquez colgouse a de bronce en MC4, manténdose segundo na xeral.

O certame estatal descansa a vindeira fin de semana e regresará o 5 de outubro en Valencia.