Baiona estrea pantalla de información meteorolóxica

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda instalou nos últimos días unha pantalla de información meteorolóxica e de calidade do aire no Paseo da Palma, moi preto da Oficina de Turismo de Baiona. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, co fin de mellorar a información á poboación no campo da calidade do aire e a meteoroloxía, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Este dispositivo, que se atopa aínda en probas, tamén permitirá facer públicas outras cuestións de interese para a cidadanía, como os avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos sobre a calidade do aire. A información que proporcionará a pantalla é específica para o lugar pero tamén para o tipo de localización, diferenciando a información de interese segundo a zona -costa (temperatura da auga, ondas, mareas…) ou interior- e estación cálida ou fría -será diferente no verán e no inverno- e haberá un apartado especial dedicado aos avisos meteorolóxicos e de calidade do aire.

Ademais indicará a forza da radiación solar co fin de previr queimaduras entre veciños e visitantes da vila. Trátase dunha idea canto menos creativa, xa que segundo explicou o alcalde Ángel Rodal unha das súas funcións está inspirada nun elemento moi común de América Latina, os “solmáforos”. Trátase dun dispositivo similar aos semáforos, estes teñen catro loces e indican o nivel de radiación por código de cores.

Estación meteorolóxica

Baiona contará tamén cunha estación meteorolóxica, que se sumará á actual rede de estacións meteorolóxicas, composta por máis de 150 dispositivos meteorolóxicos instalados por toda a xeografía galega, para o seguimento meteorolóxico, a detección de fenómenos adversos meteorolóxicos, a elaboración da predición meteorolóxica e fins climáticos e agrometeorológicos. Estas están dotadas con sensores de velocidade e dirección do vento, humidade, presión, choiva, temperatura exterior e tamén temperatura no interior do chan e sobre o chan (a 10 cm de profundidade e a 10 de altura sobre o chan). Os datos estarán dispoñibles a tempo real na páxina web de Meteogalicia (www.meteogalicia.es) e tamén na aplicación móbil de Meteogalicia.

Anuncios