A modificación das Normas Subsidiarias de Nigrán permitirá rehabilitar vivendas antigas e sen licenza

O goberno de Nigrán actualizará no vindeiro pleno ordinario do 30 de setembro e tras décadas sen revisar tanto as normas subsidiarias do planeamento (vixentes dende 1991) como o inventario de viarios públicos (vixente dende 1999), cuestións ambas que facilitarán a tramitación urbanística aos veciños e que poñerán fin a moitas incorreccións entre a norma escrita e a realidade. “Son asuntos sen tocar dende hai máis de 20 anos e que agora, grazas a esta maioría absoluta coa que contamos, podemos axilizar dunha vez por todas en interese de todos os veciños”, resume o alcalde, Juan González.

Así, a través dunha proposta do goberno, aprobarase provisionalmente a modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias que rexen o planeamento de Nigrán dende 1991 (hai un ano votárase por maioría absoluta a aprobación inicial que permitiu sometelas a exposición pública e período de alegacións por dous meses). Esta cuestión será o último trámite dende o Concello antes de que o aprobe definitivamente a Xunta, que será cando se lles abra un novo horizonte a moitos propietarios de vivendas anteriores a 1975 (consecuentemente sen licenza de ocupación) que desexan rehabilitala e que ata agora non podían, motivo polo que incluso entidades veciñais como “A Irmandade de Priegue”, “Monteferro de Panxón”, “A Camoesa” de Camos, “A Unión de San Pedro” ou “O Castro” de Chandebrito incidisen na importancia de levar a cabo este cambio.

No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Así, esta modificación rebaixa as restricións en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reduce os retranqueos, relaxa as condicións estéticas ou dá maior flexibilidade na mellora e ampliación de camiños por onde non poden acceder actualmente nin os vehículos de emerxencia sanitaria.

“Seguimos adiante co PXOM e a bo ritmo, pero grazas a esta aprobación os veciños poderán resolver cuestións tan importantes como ampliar a súa vivenda en caso de necesidade ou facer unha nova división interna da casa, así que a cidadanía é a directamente beneficiada deste cambio, especialmente os que teñen unha vivenda no rural ou anterior a 1975, cando non existía a Licenza de Ocupación”, engade González, quen agradece “a maioría absoluta que permite axilizar temas cruciais como este”. “Non son cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se varía a cualificación do solo ou aumenta a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradicións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo”, resume o edil de Urbanismo, Diego García.

Inventario de viarios públicos

Paralelamente, o goberno tamén levará a pleno o novo inventario de vías públicas, que non é actualizado dende maio de 1999 (tan só se fixo un traslado a soporte informático en 2012) e centos de viarios non figuran nel, dando lugar a moitos conflitos urbanísticos para asuntos como obter unha licenza, obter servizos públicos… Unha vez aprobado abrirase un período de exposición pública e alegacións durante un mes e, precisamente por este motivo e co obxectivo de ter o mellor documento posible, o goberno de Nigrán iniciará este mércores en Priegue unha rolda de reunións cos veciños de cada parroquia.

Algunhas das incorporacións esenciais e que ata o de agora non se contemplaban no inventario son a propia autoestrada AG-57, o Polígono de Porto do Molle, o SAU1 de Monteferro, o SAU3 de Area Alta-Panxón, o SAU4 de Castelao/Telleiras ou o SAU7 de Rans. Outros son vellos camiños que nunca chegaron a ser inventariados como públicos. “Moitas destas novas rúas que se engadirán ao rueiro municipal xa teñen incluso a placa co nome dende hai anos, pero hai decenas delas que non e, neste caso, os estudos de microtoponimia que levamos contratados nestes anos permitiron “bautizalos” do xeito correcto, tal e como o coñecen dende antano os parroquianos”, aclara o alcalde.

O documento conta ademais con planos sobre fotografía aérea dos camiños, fichas individualizadas, arquivo informático extensión .KMZ visualizable na aplicación Google Earth e fichas do inventario. Figuran en planos divididos por parroquias con fichas de cada un que inclúen datos como número, denominación, inicio, final, superficie, lonxitude e ancho medio, pavimentación e servizos.

“É un gran traballo feito polos propios técnicos municipais, que coñecen perfectamente a realidade do concello”, finaliza o alcalde.