Noite violeta en Baiona contra a violencia machista

Baiona sumouse este venres á “Noite Violeta”, convocada polos colectivos feministas nunha vintena de localidades galegas e máis de 200 localidades de todo o Estado tras a declaración da Emerxencia Feminista proclamada en Alacante o pasado 20 de agosto. Veciñas e veciños concentráronse na Praza do Concello para logo percorrer as rúas do casco vello, co obxectivo de recordar ás que non están, como mostra de apoio ás que sofren a violencia machista e en repulsa cara este tipo de actos violentos. Ademais, a Casa Consistorial iluminouse de cor violeta.

No mes de xullo, unha muller foi asasinada cada dous días. Van máis de corenta no que levamos de ano. Os delitos sexuais creceron un 50% entre xullo e agosto, se denuncia unha violación cada seis horas, é dicir catro ao día, e no que levamos de 2019, duplicouse o número de violacións con respecto a anos anteriores.

As convocantes das concentracións da Noite Violeta advirten de que “algo está a fallar” cando, a pesar de que temos unhas leis pioneiras en igualdade e en loita contra a violencia de xénero, e de que temos un Pacto de Estado nesa materia recentemente asinado , as mulleres ven como a diario se restrinxen os seus dereitos e liberdades: o dereito á vida, o dereito á integridade sexual, o dereito ao honor e, en definitiva, o dereito a vivir en paz.

Por elo, esixen que se garantan os medios adecuados para sensibilizar, visibilizar e concienciar a sociedade sobre a violencia de xénero como un problema público; a aplicación inmediata das medidas contidas no Pacto de estado e na Lei Integral contra a Violencia de Xénero; a dotación orzamentaria adecuada e suficiente para aplicar as medidas preventivas contra a violencia de xénero e para a protección e recuperación das vítimas; e a necesaria formación en materia de igualdade para os operadores xurídicos, de xeito que se garanta que as leis interprétanse e aplícanse con perspectiva de xénero.

Anuncios