Sin categoría

UCN culpa a PP e PSOE do caos xerado no cobro da taxa de vaos

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández, culpa tanto ao PP como ao PSOE polo caos xerado na taxa de entrada de vehículos a través de beirarrúas (vaos), aplicando un cobro retroactivo aos cidadáns e nalgúns casos de forma ilegal, sen ter en conta sequera o non dispoñer da correspondente placa de vao para a reserva da vía pública e noutros casos nin tan sequera dispoñer de beirarrúas, e incumprindo incluso o establecido na Ordenanza Fiscal Reguladora, que establece claramente o prazo para as altas e que fornecerán efectos o primeiro día o semestre natural seguinte á súa notificación, circunstancia que foi reiteradamente incumprida polo actual goberno local e que o actual alcalde Juan González, nada fixo por remediar.

UCN lembra que foi o PP na pasada lexislatura (sendo concelleiro de Facenda Alberto García Pazos), quen aprobou a modificación da ordenanza fiscal na que se contemplaba un incremento desproporcionado de máis do 400%, pasando a tributar case 100€ por vivenda, cando antes unicamente pagaban 20€. “Circunstancia que orixinou o rexeitamento do noso grupo, así como tamén un malestar xeneralizado por parte dos cidadáns, non só polo brutal incremento experimentado, senón tamén, porque o entón alcalde Alberto Valverde, contratara unha empresa privada para levar a cabo a confección de padrón de contribuíntes -que custou máis de 60.000€-, e que orixinou máis dun centenar de reclamacións, que algunhas non foron contestadas en prazo, e o resto, na súa maior parte desestimadas tres anos despois. Dá a impresión que o actual goberno do PSOE está a ser continuista coa política do PP e seguidismo do ex alcalde Alberto Valverde”, afirma Fernández.

UCN expuxo varias mocións ao pleno durante os anos 2014 e 2015, propoñendo corrixir en parte o caos xerado e ter en conta a falta da placa de vaos, así como o seu cobro retroactivo, chegando mesmo a propoñer que non se cobren os anos 2013 e 2014 e corrixir os graves erros detectados, pero o PP sempre se opuxo. “Con todo, si que foi aprobada a nosa proposta de rebaixar a tarifa e volver aplicar os importes iniciais antes do brutal incremento, pero a pesar de todo, o PP resistiuse a poñer ao cobro os recibos, trasladando o problema ao actual goberno do PSOE, que pouco ou nada fixo para corrixir os problemas existentes no padrón, poñendo ao cobro a finais do ano 2016 os recibos do ano 2013 e a finais do 2017 os do ano 2014, cuxo atraso é máis que evidente e mantendo os erros iniciais”.

Finalmente UCN no pasado pleno de outubro presentou moción para derrogar a citada ordenanza fiscal para o ano 2018 (publicado no BOP 29/12/17), dado que os veciños non teñen por que pagar a falta de xestión dos responsables municipais, e que podían verse avocados a ter que soportar o pago de varios exercicios xuntos para poñer ao día o cobro, o que resultaría moi bravoso para os cidadáns, moción que foi aprobada cos únicos votos de UCN e PSOE, coa abstención de PP e Nigrán Decide, votando en contra o BNG, pero con todo aínda terán que pagar os anos anteriores ata o 2017.