Gondomar súmase á campaña #EmerxenciaFeminista na súa loita contra a violencia de xénero

O goberno local de Gondomar súmase á campaña #EmergenciaFeminista, promovida por diferentes asociacións de mulleres de todo o país, contra a violencia machista que acabou no que levamos de ano coa vida de 42 mulleres.

A proposta do grupo municipal socialista, o pleno da corporación aprobou este xoves a adhesión a esta declaración coa que se apoia un “basta xa” a esta cruel e dura realidade social, “á falta de compromiso, e aos erros que os permiten”.

Neste sentido o Concello de Gondomar súmase a iluminar esta noite a fachada do Consistorio, lugar no que habitualmente se convocan as concentracións de denuncia contra a violencia machista. Ademais reforzará o compromiso xa existente polo goberno local, que preside Paco Ferreira, na adopción de medidas contra “os asasinatos machistas e toda forma de violencia contra as mulleres”.

Na sesión plenaria tamén se aprobou un posicionamento claro e contundente contra campañas, mensaxes ou actitudes que contribúan á xustificación da violencia de xénero ou que promovan o seu cuestionamento.