O edil do PP gondomareño Simón Domínguez renuncia á súa acta de concelleiro

O por agora edil do PP gondomareño Simón Domínguez, que hoxe renunciará á súa acta de concelleiro no pleno ordinario desta tarde en Gondomar, asegurou que se incorporará ao seu traballo canto antes. Segundo explicou, Domínguez presentará a solicitude de reincorporación ao posto de Policía Local “se nada o impide” mañá venres, co que dependerá da axilidade dos trámites para poder comezar “coa máxima celeridade posible”.

O axente do corpo gondomareño aclarou que deixará de participar na política de maneira activa debido ás incompatibilidades motivadas pola Lei Electoral, que lle impide compatibilizar un cargo público con outro de índole político, aínda que adiantou que non se desvinculará por completo do partido. “Trátase dunha decisión á que lle dei moito voltas pero que xa decidín a finais de xullo, con todo ao non haber pleno en agosto vinme na obrigación de esperar ata este mes”, explicou.

Domínguez engadiu que polo momento retomará a súa carreira como axente, xa que se atopa de excedencia desde o mes de abril, aínda que cando lle preguntan por se lle gustaría continuar nun futuro responde, “se dependese só de min claro que me agradaría repetir experiencia, aínda que catro anos son moito tempo”.

Anuncios