20 persoas con autismo da Fundación Menela inician o Camiño Portugués da Costa

20 homes e mulleres con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), usuarias do Centro de Día e Residencial Castro Navás (Priegue-Nigrán) da Fundación Menela, comezaron este martes en A Guarda a percorrer o Camiño Portugués da Costa ata Portecelo, fin da primeira etapa. A través desta iniciativa realizarán, en sete etapas, a ruta que camiña paralela a liña costeira entre A Guarda e Nigrán.

Este proxecto, denominado “Xacobeo Autismo. Un camiño de todos” forma parte do Programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Nigrán. O seu desenvolvemento ofrece as persoas con Autismo a oportunidade de vivir e compartir a experiencia do Camiño, e gozar dun espazo de lecer para coñecer máis de preto a nosa cultura e patrimonio. Ao mesmo tempo, permite introducir boas prácticas que melloran a accesibilidade cognitiva dos espazos polos que transita o Camiño Portugués da Costa, e da a coñecer os servizos e programas da Fundación Menela para as persoas con TEA e as súas familias.

Os participantes foron recibidos, na Casa dos Alonsos, polo Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo e Servizos Sociais, Beatriz Lomba e o tenente de alcalde de A Guarda, Anxo Baz. Na recepción oficial participaron tamén o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez, o alcalde de Nigrán, Juan A. González, a directora do Centro Castro Navás, Pilar Pardo, así como outros membros da corporación municipal.

Os profesionais da Fundación Menela realizaron un estudio da accesibilidade cognitiva das dependencias municipais de A Guarda e do Albergue Municipal, e procederon á sinalización correcta de ambos espazos con pictogramas co fin de mellorar a accesibilidade cognitiva e facilitar o desenvolvemento das habilidades funcionais das persoas con discapacidade intelectual, así como potenciar a calidade do turismo accesible.

Nesta primeira etapa os novos peregrinos do Camiño de Santiago estiveron acompañados por rapaces e rapazas do Centro San Xerome Emiliani e da Asociación de Saúde Mental Avelaiña de A Guarda.

O proxecto “Xacobeo Autismo. Un camiño de todos” forma parte do Programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. A través desta programación social e cultural, que se desenvolve por toda a xeografía galega, se realizarán máis de 350 proxectos cun investimento de 4,7 millóns de euros.

O Concello de Nigrán colabora tamén con esta iniciativa que rematará o día 11 de outubro cun acto de clausura no Auditorio Municipal, no que compartirán a experiencia de vivir o Camiño.

Anuncios