Un camiño para todos

O alcalde de Nigrán, Juan González, e dúas das súas concelleiras, participaron hoxe na primeira etapa do proxecto “Xacobeo Autismo. Un Camiño para todos”, no que 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e discapacidade intelectual asociada do Centro Castro Navás (en Priegue) xunto a persoal especializado percorrerán a ruta oficial pola costa dende A Guarda ata Nigrán. Esta iniciativa que promove a Fundación Menela e o Concello de Nigrán conta coa axuda do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia.

Nesta primeira xornada o grupo estivo acompañado por usuarios da asociación miñorana Avelaíña de axuda a persoas con problemas de saúde mental e o Centro de Educación Especial San Xerome Emiliani de A Guarda, percorrendo xuntos os 10,3 km que separan A Garda de Portocelo. Mañá camiñarán ata Oia e o resto de tramos divídense entre os días 24 e 25 de setembro, 1 e 2 de outubro e chegada a Nigrán o 11 de outubro (os participantes fan noite en albergues o día anterior a cada etapa). O obxectivo paralelo é que, grazas a esta experiencia, usuarios e técnicos da Fundación Menela propoñan unha sinaléctica con pictogramas e información que faga todo o Camiño pola Costa accesible dende o punto de vista cognitivo. Paralelamente, estas sete etapas serán unha oportunidade para visibilizar a realidade deste colectivo e informar á sociedade sobre os recursos e servizos dos que dispón a Fundación Menela para a atención ás persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias, desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta.

“Dende o Concello de Nigrán quixemos participar no programa ‘O Teu Xacobeo’ con unha iniciativa de carácter social acorde ao noso programa municipal ‘Un Nigrán para todos’, por iso acollemos con entusiasmo o proxecto da Fundación Menela e nos sumamos a el inmediatamente, nada mellor que unir a posibilidade de que estas persoas poidan gozar do Camiño con que, ao mesmo tempo, nos indiquen como facelo realmente accesible dende o punto de vista cognitivo. Queremos que o camiño pola costa sexa, de verdade, un camiño para todos”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

Baixo estas premisas, en cada etapa do percorrido súmanse diferentes entidades ou centros educativos, para que funcione tamén como unha xornada de convivencia e, ao fin de cada unha, haberá un punto de información sobre o Autismo e a Accesibilidade. O grupo realizará tamén visitas de interese histórico e cultural en cada núcleo do Camiño, e rematará o día sempre cunha reflexión grupal no que xunto aos monitores comenten como se sentiron ao longo da marcha, que foi o que máis lles gustou, que lles dirían os demais en relación o que viron, que cousas non lles pareceron ben, etc. etc. Ao fin, a Fundación Menela presentará o seu plan de sinalización.

Anuncios