Nigrán comeza a preparar a Cabalgata de Reis 2020: “Buscamos unha Cabalgata diferente”

O alcalde e as concelleiras de Turismo e Educación de Nigrán reuníronse coas entidades veciñais para poñer en marcha a Cabalgata de Reis 2020. A dirección e posta en escena dese día tan importante para os nenos correrá a cargo do director de teatro Diego Valeiras, co que se mantivo a primeira reunión no Concello de Nigrán.

“Buscamos unha Cabalgata diferente, na que participe todo Nigrán e que se converta nunha viaxe chea de seres máxicos, de soños e de ilusión para todos os nenos de Nigrán. Para iso poñemos en marcha a Cabalgata 2020 con máis antelación que nunca e buscamos que entidades culturais, veciñais, deportivas e centros educativos se unan para cumprir os desexos dos máis cativos”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

Espazo Valeiras, empresa de eventos escénicos, presenta unha viaxe, a viaxe da Estrela de Oriente que cada 5 de xaneiro sae do fondo do mar para guiar aos Magos de Oriente a todas as casas e así cumprir cos desexos dos máis cativos e cativas e tamén dos maiores porque aínda teñen agochado ese neno e nena no seu maxín.

Abrindo esta comitiva, a Estrela de Oriente no seu carro de nubes vai guiando coas bengalas ao séquito de durmilóns que pouco a pouco van entrando en sono, vestidos cos seus pixamas e a súa almofada favorita desfilarán como seguindo a Hamelin cara o mundo dos soños, acompañados polas súas durmideiras.

Unha vez durmidos, os seres máxicos do fondo mariño emerxen das augas do mar de inundan a mente das nenas e nenos, Hipocampos de luz, baleas brancas voadoras, peixes alados mesturados con seres mitolóxicos, logo os músicos anuncian o Séquito Real de Melchor, que entre redes prateadas e fachos acompañan a carroza do Rei Melchor.

De seguido un grupo de músicos e malabares coralinos anuncia o Séquito do Rei Gaspar, que mantendo as redes prateadas de auga mariña e alumeados por fachos anuncian a chegada da carroza do Rei Gaspar.

Por último outro grupo de animación xunto co Séquito do Rei Baltasar e tamén alumeando con fachos anuncia a chegada da carroza real do Rei Baltasar.

Todo cheo de música e cancións máxicas do Nadal.

Anuncios