Estudantes do Colexio Santiago Apóstolo de Arxentina visitan Baiona

dig

Como vén sendo tradición desde o ano 2009, un grupo de alumnos do Colexio Santiago Apóstolo de Arxentina, visita Baiona para coñecer a terra, tradición e cultura dos seus ascendentes.

O Colexio Santiago Apóstolo é un proxecto da Fundación América. Fundouse no ano 1998, cos niveis educativos inicial e EGB/Nivel primario. No ano 2005 completaron a súa oferta académica coa implantación do nivel secundario. É por este motivo que as visitas a Baiona comezaron no ano 2009, xa que coinciden coa gradación da primeira promoción do nivel secundario.

A Fundación Galicia-América concretou este soño para dar cumprimento a un ideario moi concreto: propagar e soster unha educación baseada nos principios biculturais arxentino-galegos que propendan a cimentar as bases representativas do importante grupo humano que é a colectividade española e, polo tanto galega, neste país.

Este mércores foron recibidos polo Alcalde, Carlos Gómez, no Salón de Plenos do Concello. O rexedor deulles a benvida e desexoulles que gozasen da Vila e as súas xentes, lembrándolles que non só Baiona, senón toda a zona do Val Miñor, é unha área onde se viviu a emigración e moitos dos veciños teñen familiares en Sur América, especialmente en Arxentina.

Tamén aproveitou para convidarlles o ano que vén pero con cambio de itinerario, xa que Baiona non é só a Vila orientada cara ao mar, senón que tamén existe a Baiona das parroquias e do monte, e así coñecer a súa riqueza paisaxística. Despois da recepción visitaron a réplica da Carabela Pinta e a Fortaleza de Monterreal.