Baiona recibe 14 ofertas para instalar este verán quioscos en catro praias

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia de Santa Marta.

O Concello de Baiona pechou o prazo de licitación dos quioscos de verán cun total de 14 ofertas para catro das seis praias do municipio. A Concellería de Medio Ambiente procederá agora á adxudicación dos servizos conforme ao prego no que se especifican as condicións e publicará a resolución nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que as empresas gañadoras aporten toda a documentación necesaria.

A licitación do concurso para autorizacións administrativas da ocupación de dominio público marítimo terrestre durante os exercicios 2017–2018 recibiu 14 ofertas por parte de 10 empresas diferentes para prestar servizos nas praias da Ribeira, Santa Marta, Os Frades e A Ladeira. O Concello rebaixou este ano nun 80 por cento o canon municipal e a resposta foi excelente, posto que tan só un dos seis lotes do concurso, correspondente ao areal da Concheira, quedou deserto.

O concurso estipula que os permisos de ocupación serán para a temporada estival de 2017, con data límite de 30 de setembro e con posibilidade de prórroga para o ano 2018. Os servizos a ofrecer nos quioscos serán de terraza, tumbonas e kayaks.

No caso da praia da Ladeira, o quiosco deberá ter unha superficie máxima de doce metros cadrados e a terraza outros 20, mentres que as empresas adxudicatarias poderán ofrecer un servizo con 25 tumbonas e 8 kayaks. Nos areais da Ribeira, Santa Marta e Os Frades o concurso ofrece un quiosco e unha terraza de idénticas dimensións con 20 tumbonas.

O canon municipal vai dende os 300 euros dos Frades ata os 800 euros da Ladeira e Ribeira, sendo de 600 no areal de Santa Marta. Ademais, os licitadores tamén teñen que asumir unha taxa e unha fianza para o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra.

Anuncios