A Escola de Danza Vila de Baiona cumpre 30 anos

A Escola de Danza Vila de Baiona, este sábado 14 de setembro, vén a celebrar unha Gala Extraordinaria, ás 22:00 horas na Praza do Concello, conmemorando así o seu 30 Aniversario, en colaboración co Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra.

Nace, esta asociación, en 1989 por iniciativa dun grupo de nais coa intención de conservar a cultura tradicional na vila. É dirixida, dende entón, por Eduardo Alves da Costa Lojo, ex compoñente do Ballet Galego Rey de Viana, chegando a contar con algo máis de 150 alumnos. Ademais de baile tradicional galego, impartíronse clases de pandereteira, creando así as Pandereteiras de Monte Boi.

Será unha gala cargada de emocións, onde se fará un percorrido polos bailes que máis destacaron nestes 30 anos e estarán acompañados polos grupos convidados que, nalgún momento formaron parte da súa historia: Non sí? Teatro; G.T. Arume de Boiro; Os Terribles de Donas; Alba Faro (A Moura); G.F. Castromao e A Seneira.

A Escola de Danza Vila de Baiona quere convidar de xeito especial a todos aqueles que formaron parte da asociación, así como, a todos aqueles que se queiran achegar para desfrutar dunha fermosa velada.

Anuncios