Lete Lasa asina o patrocinio do Salitre Fest, “un dos maiores eventos de paddlesurf”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a sétima edición do Salitre Fest que este ano acollerá o Campionato de España de Paddlesurf por equipos así como o Campionato Ibérico de Paddlesurf no que padexeiros españois e portugueses buscarán ser o mellor deportista de paddlesurf da península. O mandatario galego destacou a importancia dun evento que desde 2013 leva “facendo moito ruído e configurando un dos maiores eventos de Stand Up Paddle ou paddlesurf que conseguiu ser sede do Campionato de España durante catro anos consecutivos”.

Nas súas verbas tamén animou á galega Marta Abruñedo como a gran baza local para o campionato que se celebrará entre o 6 e o 8 de agosto na Praia de Ribeira, en Baiona. Ademais, nesta nova edición que agarda uns 2.000 visitantes, Lete Lasa informou de que o Salitre Fest prepara un “amplo programa lúdico con concertos, DJs, food trucks, bautismos gratuítos e actividades paralelas”.

Do mesmo xeito, o secretario xeral para o Deporte asinou coa presidenta do Club Galego de Surf, Verónica Comesaña, o contrato de patrocinio que a Xunta de Galicia outorga á entidade para a realización do evento e que alcanza os 3.000 euros convertendo ao Goberno galego nun dos maiores patrocinadores. O secretario xeral destacou o apoio decidido da Xunta de Galicia ao deporte do surf xa que nesta tempada 2019, a Federación Galega recibe un 40% máis do orzamento consignado a través do convenio.