Sin categoría

Baiona marcha pola igualdade e contra a violencia de xénero

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona avanza no seu compromiso pola igualdade e contra a violencia de xénero. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organizou unha marcha con saída desde o Parador ás 11:45 horas con destino á Praza do Concello, que acolleu o acto central de conmemoración ambientado cunha performance do alumnado do CPI de Cova Terreña.

O acto culminou coa lectura dun manifesto aprobado pola Corporación Municipal no pleno deste mes de novembro, poñendo así fin á programación “Baiona Lila” organizada polo Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade. A encargada de dar lectura a este manifesto foi Pilar González Fernández, cuñada de Beatriz Lijó Gesteira, vítima de violencia de xénero asasinada en Baiona o pasado mes de febreiro, coa presenza de numerosos veciños e veciñas.

A Concellería de Igualdade, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, veu desenvolvendo ao longo de novembro todo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona baixo o nome de “Baiona Lila”.