Esta mañá, o paseo da praia de Ribeira foi o escenario elixido para a presentación oficial da segunda edición do Salitre Fest, o festival galego que aúna deporte de alto nivel e lecer, e que se celebrará entre o 6 e o 8 de setembro en Baiona. Nesta edición, Salitre Fest volverá contar cunha programación de concertos, zona gastro e zona market que se desenvolverán en paralelo ao Primeiro Campionato Ibérico de Paddlesurf e ao Campionato de España de Clubs.
No acto de presentación interviñeron José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Gorka Gómez, Deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; e Coque Araújo, organizador do festival. Tamén estiveron presentes Ana Laura Iglesias, Deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra; Miriam Mar Costas, concelleira de Deportes de Baiona; e Verónica Comesaña, presidenta do Club Galego de Surf.
Durante o evento desveláronse detalles das actividades do festival, como a Área Gastro que contará con 10 foodtrucks cunha oferta gastronómica variada que vai desde as clásicas hamburguesas, pasando polas arepas ou a comida mexicana, ata as opcións doces como as creppes ou os gofres, sen esquecerse de ofrecer opcións veggie. A oferta gastronómica e a orixinalidade do vehículo foron valoradas por un equipo de profesionais vinculados ao mundo da gastronomía, o márketing e a comunicación á hora de seleccionar participantes na Zona Gastro para garantir unha variada oferta gastronómica de calidade e uns prezos alcanzables para o público.
Doutra banda, a organización tamén preparou unha zona market, que estará composta por 15 expositores multimarca: mozos creadores, artistas locais e marcas galegas que aproveitarán a ocasión para presentar as súas creacións para a próxima tempada, como é o caso da viguesa Woodtown ou Bayprints Baiona.
A nota musical poñeraa un cartel de concertos, aínda por desvelar, con actuacións as noites do venres e do sábado, e unha sesión vermú o domingo, que se desenvolverán nun escenario que se situará no corazón do parque da Palma. Trátase dun evento único para toda a familia no que se aúna deporte e lecer nun espazo de referencia, a praia da Ribeira. Ademais, non faltarán os bautismos gratuítos para todo o que queira probar o pádel surf da man da escola local Wetsports.
A competición
Para comprender o traballo de fondo e a posición que ocupa esta cita no calendario deportivo é preciso remontarse aos seus inicios, a travesía popular Nigrán-Baiona de 2011; e é que pasaron de organizar unha proba puntuable a este ano 2019 lograr organizar, ademais do Campionato de España de Clubs, o primeiro Campionato Ibérico de SUP, converténdose así nunha das citas de referencia dentro do calendario deportivo dos deportistas españois e lusos.
O Campionato Ibérico constará dunha proba de Longa Distancia (terá entre 10-15 km) onde todos os/as competidores dos dous países loitarán para alzarse co título do mellor padeeiro de ambas as dúas nacións. Ademais, esta proba será puntuable para o circuíto nacional da Copa de España de SUP Race, sendo a proba de maior puntuación do ano con 1.800 puntos.
Tamén se celebrarán as Sprints AESUP, que repartirán 1.100 euros en premios nas categorías Open e material nas categorías Sub 18. Celebraranse, como na pasada edición con formato de “sprints técnicos” onde catro competidores realizan un percorrido de 250 metros en total, por rúas individuais, cun xiro de 180º a metade de percorrido. Terá formato de mangas eliminatorias nas que avanzarán á seguinte rolda dous competidores de cada manga. Os Sprints dividiranse nas seguintes categorías: Sub 14 Mixta, Sub 18 Feminina, Sub 18 Masculina, Open Feminina, Open Masculina, e todos os competidores das categorías Sub 18 e Sub 14 terán dereito a participar nos Sprints.
Ademais, grazas á colaboración coa Federación Española de Surf, este ano decidirase en Baiona o Campionato de España de Clubs, que se resolverá en base aos resultados das probas anteriores. Todos os regulamentos e requisitos, así como o formulario de inscrición para deportistas xa están dispoñibles na web oficial do festival www.salitrefest.com.
Para achegar máis este deporte ao público xeral, a organización preparou uns percorridos para que todas as probas deportivas partan da praia da Ribeira, bordeando o paseo de Baiona, de modo que os asistentes ao festival poidan gozar da competición mentres gozan do bo ambiente festivo.
Organizado polo Club Galego de Surf e o Concello de Baiona, Salitre Fest converterá o paseo de Ribeira e o parque da Palma nun punto de encontro que albergará un evento deportivo de primeiro nivel cunha gran oferta de lecer para toda a familia durante a primeira fin de semana de setembro.

