A Concellería de Igualdade de Baiona abre o prazo de inscrición para participar no curso de defensa persoal e auto capacidades, dirixido a mulleres, para a prevención de situacións de violencia machista. O curso desenvolverase o sábado 14 de setembro e o sábado 28 de setembro en horario de 9:00 a 13:00 horas. Aquelas mulleres interesadas en participar deben inscribirse no Centro Municipal de Información á Muller, sito na rúa Dolores Agrelo, na primeira planta do Centro Sociocomunitario da Xunta, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.
A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, informa que as mulleres participantes aprenderán unha serie de pautas de auto protección, que poden axudarlles a salvar a vida en situacións cotiás, como cando volven soas a casa, ou cando o fan acompañadas de alguén que non lles inspire confianza, ao igual que se son perseguidas ou se senten ameazadas. O que farán nas clases é traballar técnicas básicas e sinxelas que lles axuden a soltarse se son agarradas ou ben a golpear de forma contundente para repeler unha agresión e conseguir fuxir. Tamén practicarán con obxectos que habitualmente levan con elas, como chaves ou bolígrafos, xa que sabendo como utilizalos poden converterse en armas de autodefensa en caso de que alguén intente agredilas.
A actividade gratuíta é ofertada pola Administración autonómica, a través da Secretaría Xeral de igualdade, xunto con Fegaloita aos Concellos da comunidade que forman parte da Rede de Concellos contra a violencia de Xénero, na que está integrado o Concello de Baiona. É unha das medidas a desenvolver por parte do Concello de Baiona, integrada na área “Violencias de Xénero: Loita contra as Violencias de Xénero” do IV Plan Municipal de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2019-2023. Para máis información poden contactar co CIM, no teléfono 986 35 75 52/54.

