Salta a “sorpresa” na Copa Galicia: o Cereixa elimina o Leis

O Coperfi Cereixa Gondomar FS vence 6-5 ao Leis Pontevedra FS (equipo de 2ªB nacional), nos dezaseisavos da Copa Galicia. O partido empezou mal con dous erros defensivos que permitían ao Leis poñerse 0-2 moi pronto, a pesar diso os locais non viñeron abaixo e seguiron buscando a portería rival. Rubén despois dunha gran xogada marcou o 1-2 que permitía recortar distancias. Así acabou a primeira parte e pese ao resultado, os de Vincios deixaban boas sensacións.

No comezo da segunda parte o equipo por medio de Adri, que debutaba nesta a súa segunda etapa, marcaba o 2-2 e daba esperanza para a remontada, que non tardaría pois despois dunha gran xogada colectiva rematábana entre Esteban e Gaby, que poñía o 3-2 no luminoso facendo crer con máis forza que a eliminatoria era posible. O 4-2 foi obra doutro que volvía a casa, Borja, tras un gran disparo que tocaba o pau e coábase na portería.

Tan só un minuto despois chegaría o 5-2 outra vez de Gaby, facendo que o pavillón vibrase cos numerosos afeccionados asistentes ao encontro. O Leis marcaría o 5-3 pero pouco despois Álex Sequito replicaba desde o dobre penalti marcando o 6-3 que poñería aos de Gondomar moi preto da seguinte rolda. De aquí ao final o Leis sacaría porteiro xogador e poñería en problemas aos de Vincios con 2 goles que manterían a incerteza, pero non habería tempo material para máis e o Cereixa faríase co triunfo por 6-5.

Primeiro partido dos de Milego, que debutaba no banco, e gran vitoria para a mochila, que sen dúbida só marca o comezo do que este equipo é capaz de facer no terreo de xogo.

2019-08-25 - 69468904_913008429033640_1156430866549833728_o