Xeira para descubrir a vila de Gondomar do século XIX

O martes 20 de agosto terá lugar unha nova xeira dentro do programa das Xeiras de Verán 2019 do IEM coa colaboración do Concello de Gondomar titulada “A vila do século XIX”. O punto de encontro da xeira, que estará guiada por Antonio Soliño Troncoso, será a Praza da Paradela ás 18:30 horas. Será un percorrido urbano circular de moi baixa dificultade e 2.500 metros de lonxitude. A duración aproximada da xeira é de 3 horas e 15 minutos. Toda a xeira estará asistida de intérpretes de lingua de signos.

Non é doado comprender como a falta de mantemento e un inculto modismo referido ao granito espido está arruinando a imaxe de conxunto da vila debedora do XIX, aquela que, ao pé da mina aurífera de época romana do Picoto, seguiu transformándose ao longo das décadas iniciais do XX ao compás do Plan de Ensanche que para ela traza o enxeñeiro Ramiro Pascual en 1900. A Revolución Industrial inglesa, movemento que marca unhas novas pautas económico-sociais con repercusión forte nos materiais e formas de produción, enténdese como rematada sobre 1840.

A pequena vila asentada na Paradela de Gondomar vaise ver sometida no período atrás referido a transformacións procedentes dese movemento introducidas en varios casos polos indianos. Estes mudan a estética edificatoria, o cromatismo das casas, os materiais empregados e a vexetación dos xardíns. Todas estas peculiaridades da personalidade de Gondomar hai décadas que deixaron de ser atendidas. Xa antes nunca foran ben entendidas. Aspiramos a que alguén semente sentido común.

Nesta xeira, intentando contextualizarnos no tempo, tratarán de mostrar a rede viaria anterior ao XIX, comentar as distintas solucións arquitectónicas das que se valeu para entrar nunha barriada, A Paradela, cercada polo Miñor e o seu máis importante afluente, e comparala coas infraestruturas que chegaron na segunda metade do citado século. Tamén ocuparanse dalgúns aspectos históricos do lugar, do aproveitamento dos importantes recursos hídricos, do precoz trazado urbanístico “a cordel” da vila e das arquitecturas levantadas nese espazo urbano, con énfase e particular atención en diversas pezas do XIX e primeiros anos do XX.

Anuncios