Moreira dá o triunfo ao Vigo-Rías Baixas no regreso do ciclismo a España

No ciclismo Elite-Sub23 da nova normalidade Mauricio Moreira tamén impón a súa lei. O uruguaio do Vigo-Rías Baixas adxudicouse este martes o prólogo da Volta a Zamora, a competición coa que se renova o calendario de estrada en España tras o parón pola Covid-19. Con este triunfo a entidade presidida por José Luis Chamorro obtén a súa segunda vitoria parcial da tempada e reforza o seu liderado na clasificación da Real Federación Española de Ciclismo.

Moreira non deu opcións aos seus rivais no explosivo percorrido de 3,4 quilómetros con inicio e final en Villardeciervos. O actual líder Elite da Copa de España e da clasificación estatal detivo o cronómetro en 4 minutos e 35 segundos, avantaxando en 4” a Mikel Azparren (Laboral Kutxa). A terceira posición ocupouna Eloy Teruel (Valverde), vixente campión de España de contrarreloxo, finalizando a 5” do corredor charrúa.

A formación olívica contou con outro representante no Top-10 da etapa. O abulense Noel Martín asinou un rexistro de 4:45, ocupando a sexta posición a 10” do seu compañeiro de equipo e gañador desta volta en 2017. Os pupilos de Marcos Serrano lograron o segundo posto na táboa por escuadras, quedando a 5” do Laboral Kutxa.

Fichaxe estrela para esta tempada, procedente do Caja Rural profesional, Moreira suma a súa segunda vitoria coa camisola do conxunto flúor. Antes de que estalase a crise sanitaria había levantado os brazos no Circuíto Guadiana.

Despois dun inmellorable arranque, o Vigo-Rías Baixas defenderá a camisola amarela de líder este mércores na primeira das tres xornadas en liña da rolda zamorana. A partir das 10:25 horas, o pelotón percorrerá 142 km entre Villaralbo e Roales do Pan, un terreo propicio para os abanicos se o vento aparece en escena. Neste trazado fundamentalmente chairo, os ciclistas terán que ascender tres portos de 3ª categoría, o último deles situado a 34 km da liña de meta.