O PP de Baiona lamenta non ter sido convidado á inauguración da renovada EP-2203

Desde o Partido Popular de Baiona mostran a súa satisfacción polas obras realizadas na estrada provincial EP-2203 ao seu paso por Baredo. “Como criamos no seu momento xa hai máis de dous anos, sería de gran utilidade, mellorando enormemente a accesibilidade e seguridade na zona”, sinala Ángel Rodal, que lembra que se trata dun proxecto xestionado e solicitado polo anterior equipo de goberno con financiamento mixto do 80% por parte da Deputación de Pontevedra e o 20% restante por parte do Concello.

“Agradecemos publicamente ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a súa predisposición continua neste proxecto así como ao concelleiro de Urbanismo de entón, Jose Ángel Bahamonde, todo o seguimento e traballo para mellorar en todo momento o proxecto inicial, de igual maneira un agradecemento ás Comunidades de Montes de Baiona e moi especialmente de Baredo, presididas neses instantes por Rubén e Cándido Álvarez, pola cesión de terreos sen a cal este proxecto non sería unha realidade cunha fermosa paisaxe e vistas excepcionais”, destaca Rodal.

O ex alcalde e portavoz do PP considera que deberían ter sido convidados á inauguración ben desde a Deputación de Pontevedra ou desde o goberno de Baiona, “por ser parte vital en todo o proceso xa que promovemos á idea, a formulación e seguimento de toda a obra”.

Finalmente, Rodal felicita aos veciños de Baiona e moi especialmente aos de Baredo pola súa paciencia ao longo do tempo en que transcorreron as obras. “Ao final valeu a pena xa que os camiños de peregrinación unen e achegan neste caso unindo e achegando ás parroquias de Baiona a Baredo e viceversa con este renovado tramo que xa gozan a diario moitos veciños, que camiñan con maior accesibilidade e seguridade contemplando unhas marabillosas vistas ao mar coas Illas Cíes ao fondo”.