Juan María by Lolola instalará un punto de venda en Ramallosa e espera crear outros sete

O Centro Juan María de Nigrán xa ten marca de roupa propia, chámase “Juan María by Lolola” e contan xa con tenda física e online operativas. Trátase dunha iniciativa que leva xestándose desde hai un ano tras as primeiras sondaxes levadas a cabo desde o centro especial de emprego, no que un grupo de integrantes do departamento pertencente ao complexo manifestaron o seu desexo de traballar en comercio. “A verdade que a idea xurdiu dun grupo de usuarios aos que non lles gustaban as opcións que lles ofreciamos a través da nosa empresa inclusiva”, explicou o coordinador Alberto González.

A partir de aquí a idea de crear unha liña de roupa empezou a coller forma ata que a deseñadora viguesa Lola Rande subiuse ao barco e o resultado salta á vista. A colección primavera verán “Estrelas para todos” aúna comodidade e moda sen chegar a ser adaptada. Está pensada para todos os públicos e abarca desde os catro anos de idade en diante, é unisex e ademais conta con dúas liñas, unha infantil e outra para adultos. Rande explicou que nun primeiro momento tiñan en mente redeseñar os modelos existentes no mercado de babeiros para adultos, xa que “este tipo de pezas están pensadas soamente para cumprir unha función práctica deixando en segundo plano o seu deseño”. Con todo aos poucos foise dando conta que esta formulación era aplicable ao resto da oferta co que ao final acabaron creando unha marca que ofrece ademais de complementos, camisetas e sudadeiras. Polo momento están coa primeira toma de contacto pero cun obxectivo marcado a curto prazo, que non é outro que a creación de sete puntos de venda nas cidades máis importantes da comunidade.

De aquí a setembro testarán a iniciativa e para iso comezarán coa instalación dun punto de venda físico en Ramallosa que abrirá todos os mércores, e xa en setembro darán o salto en firme coa contratación de oito empregados, seis deles do centro grazas a unha subvención para a formación dual da Xunta. Ademais de ser remunerado, os integrantes aprenderán o oficio durante tres anos e ao acabar o contrato poderán obter un certificado de profesionalidade que lles permitirá buscar un emprego. Así pois durante este tempo tocarán todos os puntos relativos do sector como labores de almacén, de estocaxe, embalaxe, envíos, venda en punto físico ou distribución, entre outros. Cabe destacar que todo está creado polos usuarios do centro, achegan ideas para a creación do deseño web, pousaron como modelos coa súa colección primavera verán durante unha sesión fotográfica realizada en Praia América e mesmo desfilaron coas súas creacións o pasado 12 de maio, durante a celebración do concerto solidario que foi conducido por David Amor no Pazo de Cea.

Ademais de todas as iniciativas complementarias de venda, o Juan María posúe tenda propia no centro, á que non lle falta detalle e no que as estrelas brillan pola súa presenza.