A Parranda de San Pedro vaise de peregrinaxe a Morgadáns

A Parranda de San Pedro, con máis de 100 anos de historia, realizará este venres a súa tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa ata Morgadáns, como mostra de fe a San Roque. Como cada 16 de agosto a comitiva partirá ás 9:00 da mañá, os maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos subidos a tractores debidamente engalanados con flores para a ocasión.

Xa en Gondomar, terá lugar o encontro coa Banda de Música Municipal de Reondela, para deseguido continuar a marcha ata o torreiro de festas de San Roque. Unha vez alí, despois de desfilar ata a Capela e rodeala como manda a tradición, repoñerán forzas cun aperitivo para a continuación asistir á Misa Solemne das 13:00 horas e á procesión.

Unha vez finalizados os actos relixiosos, gozarán da música e a comida na Carballeira, ademais das tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro, ata as 19:00 horas, momento no que tocará iniciar o camiño de volta. A festa finalizará no Convento dos Pais Franciscanos de Vilariño cunha gran tirada de fogos de lucería.

A organización fai un chamamento a todos os que vaian participar, a que se animen a ir vestidos como outrora, con saias ou pantalóns de época, boinas ou gorros de palla, sen que falte por suposto a camiseta da Parranda.