A Garda Civil investiga a un veciño de Gondomar que se deu á fuga despois dun accidente

FOTO: GARDA CIVIL // A moto no lugar do accidente.

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Gondomar R.S.P., de 33 anos, acusado dun delito de denegación de auxilio ao darse á fuga despois de provocar un accidente o pasado luns en Gondomar.

O sinistro tivo lugar ás 18:15 horas do día 13 no quilómetro 7´6 da estrada PO-341 no lugar de Peitieros, cando o vehículo que conducía esta persoa invade o sentido contrario da circulación provocando un accidente fronto-lateral contra unha motocicleta, causando lesións ao seu piloto, que tivo que ser evacuado en ambulancia a un centro hospitalario de Vigo.

O condutor do vehículo causante do accidente, que abandonou o lugar dándose á fuga, foi localizado momentos despois polo Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño.

Ao ser sometido á proba de alcoholemia deu resultado positivo cunha elevada taxa de alcol en aire expirado que supera o triplo da máxima permitida, dando lugar á súa investigación por outro delito contra a seguridade viaria.

As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo.