De Nigrán ao Mundial de hip hop

Carla Cabrera.

Unha moza de Nigrán participará a finais de agosto no Campionato do Mundo de baile urbano. Chámase Carla Cabrera e forma parte dun dos grupos da escola Dance Academy Vigo que viaxarán a Blackpool, en Inglaterra, para tentar chegar á final dos UDO World Street Dance Championships, que se celebrarán do 22 ao 25 de agosto coa participación de máis de 300 grupos.

“Somos un grupo de 10 persoas, formado por 8 mozas e 2 mozos. Levamos bailando xuntos desde o 2013 baixo o nome de Grow as Ohana e esta é a segunda vez que nos clasificamos, pero é a primeira vez que imos ao Mundial debido a que o ano pasado non puidemos pagalo”, comenta Carla. Os compoñentes do grupo teñen entre 15 e 27 anos e son de Vigo, fóra da moza de Nigrán.

“Clasificámonos nunha competición que se celebrou en Tui o día 2 de xuño, na que obtivemos o primeiro posto. Ademais, competimos no Campionato de España, no que quedamos terceiros, e en Valladolid, no que alcanzamos o segundo posto, entre outras moitas competicións ás que fomos esta tempada”, destaca Carla.

“Somos un grupo autodidacta -continúa a nigranesa- e, por tanto, non temos profesor, así que temos que facelo todo nós. Repartímonos o tempo nos sábados, que ensaiamos catro horas, e os venres outras dúas, así facemos seis horas semanais nas que preparamos as coreografías, as montaxes musicais, pensamos o vestiario e demais”.

Para conseguir o diñeiro necesario para afrontar os gastos que conleva a viaxe a Inglaterra, agora mesmo venden rifas. Ata agora venderon chuches e ademais nun evento que celebra a escola (o DA Summer) terán un posto para recadar. “Hai grupos que non poden ir porque é moi complicado recadar todo o que necesitamos e non poden facer fronte a ese gasto. Faise complicado porque o baile non é tan coñecido e valorado como outros deportes e á xente cústalle colaborar con iso”, lamenta Carla.

2019-08-08 - IMG-20190718-WA0023

Anuncios