O PP de Gondomar tacha ao alcalde de “manipulador”

O Partido Popular acusa ao alcalde de Gondomar de manipular a información ao seu antollo e quedar en evidencia despois da acusación feita por Paco Ferreira, na que atribuía á Xunta de Galicia o retraso na selección de persoal para a Policía Local.

Nunha nota publicada pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia no día de onte, deixaba claro que a Academia Galega de Seguridade Pública dependente da Xunta de Galicia colaborou en todo momento co Concello de Gondomar e que foi este quen non solicitou no seu momento as prazas libres que ten o corpo policial. No mesmo comunicado se confirma que a pesar de firmar o convenio en marzo de 2018 non foi ata este ano cando o concello solicitou persoal para a Policía Local, tardando soamente tres días en adxudicar catro prazas de auxiliares. Con respecto ás tres prazas de Policía Local están incluídas na convocatoria de xuño deste ano e á espera de publicación da lista provisional de admitidos no Diario Oficial de Galicia, que se fará en breve. Pero ao contrario do que di o alcalde non se incorporarán ata o vindeiro ano polos prazos de realización das probas, como publicaron os medios en marzo cando manifestou “El alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, ha anunciado que se ha aprobado una oferta de empleo público de 2019 que implica la apertura de cuatro plazas fijas, una de oficial y tres de agente, y que incorporarán en el 2020”, outra demostración de que sigue manipulando a información.

O pasado domingo o alcalde comunicou que estaba á espera de que dende a AGASP lle enviasen catro auxiliares de policía, cando en realidade aínda non chegara a solicitude á Academia Galega, que tal e como se confirmou tiña data de entrada de onte mesmo. “O alcalde debería asumir os seus erros e non culpar aos demais das consecuencias dos mesmos, cando el mesmo sabe que o concello pode convocar as prazas sen agardar por outros organismos. Se non quere quedar en evidencia cada vez que fala lle recordo que ten un concelleiro delegado de seguridade para que se poña a traballar en que Gondomar conte cunha policía acorde ás necesidades dos veciños”, afirmou Paula Bouzós, portavoz do PP gondomareño.

En canto ao comunicado do Xefe da Policía Local, Obdulio Iglesias, no que acusaba de irresponsabilidade a quen fai públicos os datos do persoal actual da policía, o Partido Popular pídelle que se dedique a analizar os motivos do por que o corpo se atopa en precario, e que si hai algún irresponsable o primeiro foi el ao publicar nos medios en marzo que “así lo explicó el jefe de la Policía Local gondomareña Obdulio Iglesias, que aprovechó para poner de manifiesto la gran labor desarrollada por el
cuerpo local de seguridad durante el pasado año y que en la actualidad se encuentra bajo mínimos”, engadindo ademais “La plantilla de Policía Municipal en Gondomar se encuentra en una situación crítica desde hace varios años acentuada en los últimos meses al estar de baja médica un total de cinco miembros del cuerpo”. “Recoméndolle ao Sr. Obdulio Iglesias que antes de cualificar negativamente a ninguén, debe comprobar que está libre de culpa”, afirma a portavoz do PP de Gondomar.

Paula Bouzos pídelle ao alcalde que poña todo o seu empeño en mellorar a situación da Policía Local de Gondomar e que se deixe de xogar con algo tan importante como é a seguridade de todos os veciños de Gondomar, quedando en evidencia cada vez que fala.

Anuncios