Obdulio Iglesias considera “irresponsable” informar sobre a situación da Policía Local de Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Xefe do Corpo da Policía Local de Gondomar, Obdulio Iglesias, responde a través dun comunicado ás informacións vertidas nos medios de comunicación, redes sociais e taboleiros de anuncios dalgunha cafetería da vila.

“Como funcionarios públicos estamos sometidos diariamente ao escrutinio da cidadanía no exercicio das nosas funcións, e aceptamos como parte do noso traballo as críticas e as discrepancias que poidan xurdir. Atendemos ás veciñas e ós veciños, as súas necesidades, requirimentos e solicitudes, que día a día entran na Xefatura, e xestionamos as denuncias administrativas e xudiciais, e cando cometemos erros, que como seres humanos pode ocorrer, intentamos corrixilos, e de ser o caso, descúlpome persoalmente como responsable deste Corpo desde 2017”, comeza o escrito.

O Xefe da Policía Local gondomareña recorda que as alegacións, as queixas e incluso as denuncias teñen uns procedementos que nunca poderán ser o linchamento mediante escritos anónimos ou en redes sociais por perfís falsos ou anónimos, “porque este cargo que hoxe exerzo, representa un servizo público que non pode facer deixamento de funcións nin omitir as súas obrigas e menos por presións deste tipo; máxime cando veñen acompañadas de actos de vandalismo nas dependencias policiais”.

Obdulio Iglesias explica ademais que a Policía Local de Gondomar forma parte do sistema de seguridade pública que ten cuberto o territorio municipal as 24 horas do día os 365 días do ano; “deste xeito estamos coordinadas todas as forzas e corpos de seguridade a través de diversas salas, e Gondomar é un municipio moi seguro con índices de delincuencia relativamente baixos”.

Así mesmo, destaca que na actualidade están en proceso de cubrir novas prazas policiais desde 2008, xa que hai 11 anos que non se incorporan funcionarios de policía propios, “pero isto require orzamentos, prazos e requisitos”. Por último, subliña a irresponsabilidade que supón informar sobre o número de efectivos, a súa situación e os seus períodos de vacacións, “posto que esta información comporta riscos innecesarios”.

Anuncios