Nigrán organiza este xoves en Chandebrito unha noite de observación astronómica

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán ofrece na noite deste xoves 15 de agosto na parroquia de Chandebrito unha observación astronómica guiada pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (vinculada ao Observatorio Astronómico de Forcarei) na que, ademais, se agarda contemplar algunha perseida ou bágoa de San Lourenzo. Esta terá lugar ás 22:00 horas a carón do Castro de Chandebrito (no “Bosque da Memoria”) por estar afastado de todo tipo de contaminación lumínica e contar con gran bóveda celeste. Un ano máis, colabora a Asociación de Veciños O Castro de Chandebrito e a Comunidade de Montes.

Os interesados en participar nesta observación (totalmente gratuíta e que estaba prevista para o sábado pasado pero o mal tempo obrigou a pospor) poden acudir directamente ao “Bosque da Memoria” dende ás 21:30 horas ou, se descoñecen o lugar, presentarse en coche ás 21:00 horas no Concello de Nigrán, dende onde se organizará unha saída conxunta. Dado o lugar da observación, é preciso levar lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo, ademais dunha manta ou toalla para sentarse no chan.

O Concello de Nigrán iniciou esta actividade en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán dentro do festival “Chan de Folk” que tivo lugar o sábado pasado, sendo unha proposta ideal para dar a coñecer Chandebrito, parroquia do interior de Nigrán con grandes atractivos naturais e que o goberno quere promocionar.

Anuncios