A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 454.000 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para A Estrada, Gondomar, Moaña, Ponte Caldelas, Vilaboa e Caldas de Reis. No caso de Gondomar, recibirá unha achega de 81.869,43 euros para a reparación e mellora da pavimentación no Camiño das Laxes (Couso), que actualmente se atopa en estado irregular con fochancas e fisuras. Para darlle solución, executarase unha nova capa de rodadura e tamén se ancheará o viario nas zonas que sexa posible.
Contrato ponte para garantir a administración electrónica nos concellos
A Deputación de Pontevedra tamén vén de aprobar un contrato ponte, por importe de 234.246,21 euros para que os concellos da provincia poidan seguir mantendo o servizo provincial de administración electrónica ata que entre en vigor o próximo ano o novo convenio que dará cobertura á prestación do servizo entre o 2021 e o 2025.
A presidenta da Deputación recordou que “cando chegamos á Deputación de Pontevedra os concellos da provincia non tiñan administración electrónica, cando era unha obriga legal. Tivemos que destinar recursos e impulsar un convenio para garantir este servizo, fundamental para modernizar a administración local e atender á cidadanía, en todos os concellos”. Silva asegurou que, dado que a vixencia do convenio remata este mes de novembro e polas “serias dificultades” dos concellos para facer fronte aos custos que supón a administración electrónica, o goberno vén de aprobar un novo para os próximos catro anos. Por este motivo lánzase un contrato ponte, para permitir “que de aquí a que entre en vigor o novo convenio, no 2021, os concellos poidan manter os servizos da administración electrónica”.
O novo convenio vai permitir seguir financiando aos 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades xa adheridos. Ademais, tamén posibilitará que “tres concellos que non se tiñan sumado ao proxecto da Deputación –Nigrán, Ribadumia e Vilanova- poidan facelo se así o deciden”. En liñas xerais, a Deputación asumirá “o pagamento moi maioritario do custe do proxecto” e os concellos van ter que achegar “unha contraprestación moi menor”, que se sitúa en 1.000 € para os concellos de menos de 3.000 habitantes, 1.500 € para os que teñan entre 3.001 e 5.000, 2.500 € para aqueles de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 3.500 € para os concellos con entre 10.001 e 15.000, 4.500 € para os de entre 15.001 e 20.000 e 5.500 € para os que sumen entre 20.001 e 30.000 habitantes.

