Gondomar esixe á Xunta a convocatoria das prazas policiais que precisa o municipio

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lamenta as críticas vertidas pola concelleira do PP municipal Paula Bouzós sobre o corpo da Policía Local, e ínstaa a deixar de criticar sen fundamento e esixir ao goberno de Núñez Feijóo que cumpra cos veciños e veciñas da vila miñorana, convocando as tres prazas de axentes que están vacantes por xubilacións e á espera de que se pronuncie o goberno autonómico.

“A desidia e inoperancia da Xunta de Galicia e da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) están tras a precaria situación na que se atopan os nosos axentes de Policía Local, aos que non se lles pode recriminar absolutamente nada”, asegura Paco Ferreira, alcalde de Gondomar. Lembra que é obrigación do goberno galego convocar as tres prazas pendentes, así como responder á petición de catro auxiliares solicitados xa hai meses.

“É competencia da Academia e do goberno galego cumprir con estas designacións, tal e como se comprometeu a través dun convenio de colaboración subscrito co noso Concello”, afirma o alcalde. Paco Ferreira lamenta a situación á que “nos aboca o señor Feijóo, pero non só a Gondomar se non a moitos outros municipios que se atopan ante un problema similar. Ten a toda Galicia paralizada e pouco impórtalle”.

Lamenta neste sentido que desde a oposición, o PP e a súa portavoz, Paula Bouzós, non se somen ao interese xeral do municipio e os seus veciños e “prefiran facer demagoxia a enfrontarse ao goberno galego e chamar á orde á Xunta para que cumpra co noso concello”. Ante o “desmantelamento” do que acusan os populares ao actual goberno insiste Paco Ferreira en que “a única responsabilidade é da Xunta que non atende as demandas dos municipios”.

A pesar da situación na que se atopa neste momento o persoal policial, Paco Ferreira, quere deixar claro que a seguridade dos veciños está garantida. Os efectivos dos que dispón a policía, xunto ao seu xefe “exercen correcta e escrupulosamente as súas funcións” para pesar do limitado número de integrantes neste momento “polo bloqueo ao que nos somete a Xunta de Galicia”.

Lamenta Paco Ferreira que desde o PP quéirase frivolizar cunha cuestión tan importante para a localidade e lembra que “ante calquera incidencia ou emerxencia que poida xurdir, a Policía Local responderá como fixo sempre e de non ter servizo efectivo coordinará coa Garda Civil e o 112 calquera incidencia”.

Anuncios