Fin de semana de “autos tolos” en Camos

O Concello de Nigrán e a Asociación Eixo Tolo celebraron esta fin de semana a tradicional baixada de carros de bólas na parroquia de Camos, evento recuperado fai catro anos tras máis dunha década sen celebrarse. Carros pneumáticos, de rodamentos e correpasillos para nenos participaron na tripla competición que tivo lugar o sábado pola noite a modo de adestramento, sendo así a primeira baixada nocturna de Galicia, e que viviu o domingo a competición oficial durante toda a mañá. Na noite do sábado celebrouse ademais o II Eixorock, cos grupos Tati’s Joplin, Treinteañeras Cañeras, Xente Tóxica Val Miñor e Stoned At Pompeii.

Por unha banda celebrouse a Copa Galicia-Copa Norte e Copa Galicia-Portugal, e por outra o Campionato Concello de Nigrán- Eixo Tolo. En total participaron 60 vehículos individuais e colectivos, desde triciclos a gravity bikes, carros artesanais con rodas e os tradicionais carros feitos con rodamentos, coa obrigación do uso de casco, codeiras, xeonlleiras e contar con sistema de freado.

Como xa é tradición, esta décimo terceira edición celebrouse na rúa San Roque, o percorrido orixinal onde naceu a espectacular proba, recuperado hai dous anos, que discorre desde o Torreiro de Festas ata practicamente o Pazo da Touza. Cunha lonxitude de 1 km e un desnivel do 60%, deixou imaxes espectaculares ao superar os vehículos o 70 km/ h e contar con grandes curvas. Neste escenario realizáronse varias mangas nas modalidades individual e colectiva de carrilanas de rodamento, pneumáticas, triciclos, gravity bikes, drift trike e skeleton.

Os que participaron por libre competiron en función da orixinalidade na construción. Estes premios dos non federados limítanse aos carros de bólas (vehículos que se desprazan a través de rodamentos) co obxectivo de potenciar esta construción primitiva. O premio á carrilana máis elaborada foi para “Star Wars” (Trofeo + 500 euros), seguida por “Os Simpsons” (Medalla + 250 euros) e “E.T.” (Medalla + 100 euros). O trofeo ao golpe máis espectacular foi para “Rockanroleiros” e o artefacto máis rudimentario “Cervexeiros”.

En carrilanas pneumáticas C1-C4 o gañador foi Diego Baroja, mentres que Sergio Martínez ocupou o segundo posto. En C-6 a vitoria foi para Antonio González. En C8- C9 o mellor tempo foi o de Brais Fernández, seguido de Jose Iglesias e Juan Carlos Rodríguez en segunda e terceira posición respectivamente. En Drift Trike (triciclos) levou a vitoria Gabriel González, acompañado no podio por Brais Ribeiro, segundo, e Alejandro Castroagudín, terceiro.

Na categoría de pneumáticas G1 (3 rodas) o gañador foi Jesús Pérez. En G2 (4 rodas), o primeiro clasificado foi Salvador Costas, completando o podio Manuel Dios e Samuel Mallo en segunda e terceira posición. Na modalidade de Gravity Bike a vitoria foi para Francisco Campos. Manuel Baqueiro foi o gañador en carrilanas RX, categoría na que Fran Hermida foi segundo e Roi Estévez terceiro. En Skeleton o gañador foi Mikel Corredoura, por diante de Hugo González. Finalmente, na modalidade Street Luge, o vencedor foi Carlos Alcocer.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios