
O Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea vén de presentar unha alegación ao Plan de Transporte Público de Galicia. Segundo o seu portavoz, Antonio Araújo, “trátase dun plan que non mira pola xente que precisamos un transporte público acorde cos novos tempos e as novas necesidades da sociedade do Século XXI, en favor só do interese empresarial, e obviamente sen ter en conta as novas esixencias medioambientais contra o cambio climático”.
Araújo lamenta que “ao final seguimos nas mesmas, nese bucle interminable de non hai mellor transporte porque non hai viaxeiros, e non viaxeiros porque non mellor transporte. Hai que rachar con isto e apostar en serio por un transporte digno, que nos comunique entre nós e co exterior. Ese ten que ser o futuro”.
Dende Manifesto Miñor-En Marea apostan por unha oferta xenerosa en percorridos, paradas, frecuencias, horarios e prezos…. xenerosa e acorde coas necesidades reais da veciñanza de Gondomar en particular, e do Val Miñor en xeral. Nesa idea e como mínimo propoñen:
1º.- Non parece razoable que un asunto de tanto interese e transcendencia que lle vai afectar a tanta xente, se saque a exposición pública no mes de agosto. Semella que non hai interese por parte da Administración en que a cidadanía coñeza axeitadamente a proposta da Xunta de Galicia. Propoñemos alongar ata outubro o prazo de exposición pública, con explicación aos colectivos sociais, veciñais, etc. interesados, que así o demanden por parte de persoal técnico da Xunta de Galicia.
2º.- Conexión de Gondomar coa Universidade de Vigo, en horarios e frecuencias axeitadas ás necesidade do estudantado, do profesorado e do persoal da UVIGO que viven, ou que poderían vivir en Gondomar.
3º.- Mellorar as frecuencias ao Hospital Álvaro Cunqueiro, incluso mantendo eses percorridos independentes dos directos entre Gondomar-Vigo.
4º.- Aumentar as frecuencias dos percorridos interparroquiais, creando unha nova liña Couso-Peitieiros-Morgadáns-Chaín (Regodagua)-Vincios (Os Casás).
5º.- Resolver de vez o vello contencioso entre as dúas empresas que a día de hoxe actúan en Gondomar (Melytour e ATSA), de tal xeito que poidamos ir dende Gondomar a Vigo e viceversa pola costa sen ter que ir coller o bus ao cruceiro de Mañufe, e que dende Vincios se poida vir directo A Ramallosa como hai máis de 35 anos se facía.
6º.- Creación dunha liña Gondomar-Tui, como houbo en tempos, volvendo unir dúas vilas que sempre mantiveron un importante intercambio comercial e humano, agora de ocio e actividades diversas.
7º.- Reorganizar ou crear novas liñas, que dende Baiona, Panxón, Priegue ou Couso, por citar os puntos máis afastados, se comuniquen cos Polígonos Industriais de A Pasaxe-Vincios, ou Porto do Molle en Nigrán.