A Área Sanitaria de Vigo considera “pouco favorecedor” o sistema de comunicación do Concello de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde do Val Miñor.

Ante o comunicado feito esta mañá polo Concello de Baiona dende a Área Sanitaria de Vigo manifestan a súa sorpresa “por este sistema tan pouco favorecedor da comunicación entre institucións que prestan servizos aos cidadáns e que deben de poñer esta atención por encima de outras consideracións”.

Nun comunicado sinalan que “tamén sorprende que en ningún momento ninguén do concello se puxera en contacto coa Área Sanitaria para comentar a situación dende o punto de vista social de ningún paciente do Centro de Saúde de Val Miñor. En caso de telo feito se lle houbera podido explicar a situación das prestacións de Traballo Social e as súas correspondentes coberturas nos preceptivos períodos vocacionais dos seus traballadores”.

Segundo recordan desde a Área Sanitaria de Vigo, os concellos teñen competencias claramente definidas en materia de traballo social “e son eles os primeiros que deben velar por elas”. Así mesmo destacan que para axudar ao desenvolvemento destas competencias o Sergas dispón na Área Sanitaria de Vigo de 26 traballadores sociais (16 en Atención Primaria, 9 nos hospitais e unha xefa de servizo).

“Cando un deles desfruta do preceptivo permiso de vacacións establécese un sistema de atención a situacións de urxencia e non programables, que en todo caso danse con moi pouca frecuencia. Debido ás características do seu traballo, na súa maior parte programable, na Área Sanitaria de Vigo e na maioría das áreas sanitarias, os traballadores sociais poden planificar as súas vacacións sen necesidade de substitución. De igual maneira que o fan outras categorías de profesionais”, engaden.

Finalmente, instan ao Concello de Baiona a que, de ser o caso e polos condutos habituais, se poña en contacto coa Área Sanitaria de Vigo e comente o caso ou casos que dentro das súas competencias lles ocupa para poder resolvelo, “dentro do marco de colaboración institucional que con ese Concello e cos demais ata o de agora se vén traballando”.

Anuncios